Algunhas aldeas de Pantón terán decoración de nadal con materiais feitos a man
Esta é unha iniciativa levada a cabo pola asociación cultural Segredos de Pantón, que un ano máis busca levar o nadal a tódalas esquinas das aldeas do concello.
O obxectivo principal desta idea é decorar con elementos reciclados e feitos a man algunha aldea de Pantón, para que nunhas datas tan sinaladas coma estas, os veciños e veciñas do municipio se contaxien da maxia do nadal.
É por iso que dende o colectivo Segredos de Pantón fan un chamamento a tódolos habitantes da zona, tanto aos que queiran acudir de forma individual como aos que o fagan en grupo ou con algunha asociación, para que se poñan en contacto directo con eles e os axuden na procura ou elaboración deste tipo de materiais.
Segredos de Pantón, facilita o teléfono 662 669 223 (Lucas Vázquez) para o contacto directo con eles ou ben pódese visitar o seu perfil en redes sociais para mandarlles unha mensaxe e ampliar calquera tipo de información acerca de esta iniciativa.
A ASOCIACIÓN
Segredos de Pantón é un colectivo nado no ano 2016, que non chega a formalizarse como asociación cultural ata 2019.
Dende os seus comezos como colectivo ata converterse en asociación cultural, sempre mantivo obxectivos claros entre os que se atopan: a promoción, defensa e loita polo medio rural, a defensa e promoción da lingua galega a posta en valor do patrimonio de Pantón (tanto material coma inmaterial) e por suposto, a conservación e defensa da natureza.