Alcaldía e Xunta buscan divulgar a riqueza ambiental e paisaxística de Sober

RibeiraSacraXa
A conselleira Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mostrou especial interese polo proxecto de elaborar un catálogo de árbores e formación senlleiras
alcalde-de-Sober-coa-Xunta
15 Ago 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Sober, Luis Fernández, avaliaron nunha reunión diversas iniciativas de cara a divulgar a riqueza ambiental e paisaxística do municipio.

A conselleira mostrou especial interese polo proxecto municipal de elaborar un catálogo de árbores e formación senlleiras da localidade co obxectivo tanto de garantir a súa conservación como de promover o seu coñecemento entre a veciñanza e os visitantes.

Nesa liña, o rexedor explicoulle a Ángeles Vázquez que o Concello conta cunha ampla mostra de diferentes especies, tanto autóctonas como exóticas, cuxa diversidade e peculiaridades de beleza, antigüidade, historia ou rareza merece ser conservada e posta en valor desde o punto de vista ecolóxico, educativo, social e turístico.

Máis polo miúdo, a iniciativa pretende elaborar un documento coa xeorreferenciación cartográfica destes exemplares e formacións singulares que permita aglutinar a variedade, singularidade e riqueza natural do territorio.

A maiores, durante a reunión tamén avaliaron varios proxectos en materia de augas. Así, analizaron a posibilidade de colaborar para acometer varias actuacións como a ampliación da liña de colectores da contorna de Arxeril, a mellora da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade e a optimización da estación de tratamento de auga potable (ETAP).

A conselleira explicoulle ao alcalde que Augas de Galicia estudará as propostas municipais e incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

0.17194509506226