Albores Saúde Mental expón a situación á que se afrontan as persoas con necesidades psiquiátricas no sur de Lugo

RibeiraSacraXa
Desde a Asociación Albores Saúde Mental de Monforte expresa a súa opinión sobre a situación actual da atención da Saúde Mental na zona Sur de Lugo, aproveitando o comunicado do Sergas no que se anuncia a incorporación de 21 profesionais ao Hospital de Monforte.
Albores Saude Mental Monforte e Valedora do Pobo
26 Apr 2024

Desde a Asociación Albores Saúde Mental de Monforte expresa a súa opinión sobre a situación actual da atención da Saúde Mental na zona Sur de Lugo, aproveitando o comunicado do Sergas no que se anuncia a incorporación de 21 profesionais ao Hospital de Monforte.

Así, explican que Monforte contaba con 3 psiquiatras para atender á poboación da zona; unha delas traballaba na Unidade de Atención a Drogodependencias, deixou o servizo hai 3 anos e desde entón non foi substituída; as outras estaban na Unidade de Saúde Mental no Hospital Comarcal de Monforte, pero en marzo de 2023 unha delas deixou o servizo e tampouco foi substituída. "Dende a marcha desta profesional, as persoas atendidas por ela non reciben atención psiquiátrica, polo que algo menos da metade da poboación do Sur de Lugo non recibe a atención psiquiátrica que precisa. A falta de revisión das medicacións psiquiátricas afecta sobre todo ás persoas con trastornos mentais graves como esquizofrenias ou trastornos bipolares, que nalgúns casos tiñan seguimento cada 3 meses".

Así, denuncian que "o feito de non dispor de psiquiatra de referencia dificulta os labores preventivos, casos que inician un proceso de descompensación psiquiátrica ou reagudización da súa sintomatoloxía que se pode reverter cunha revisión e axuste puntual da súa medicación". E din que actualmente "a única alternativa é acudir aos servizos médicos de urxencia do HULA, que teñen como labor tratar nunha descompensación manifesta, non na prevención".

O martes 23 de abril publicouse no DOG a concesión dunha nova profesional de Psiquiatría para a Unidade de Saúde Mental do Hospital de Monforte, pero a actual psiquiatra, nesta mesma asignación, é trasladada para Ourense e, ademais, a nova profesional con praza en Monforte rexeitou a praza, "polo que actualmente esta zona non ten atención en Psiquiatría", explican.

Por todo isto, Albores Saúde Mental mantivo unha reunión coa Valedora do Pobo, na que expuxeron as implicacións que a falta de atención psiquiátrica supón, non soamente ás persoas usuarias dos servizos da entidade, senón ao conxunto da poboación.

A Valedora do Pobo, Dona Dolores Fernández Galiño, amosouse moi interesada en coñecer a situación da atención da saúde mental da zona Sur de Lugo, particularmente agravada pola exclusión territorial e o envellecemento desta zona, e non esquecendo que Lugo é a provincia española con maior índice de suicidios.

Ademais de levar a situación ante o Parlamento de Galicia, animou a que as persoas afectadas, de xeito individual, entren na súa web e expoñan o seu caso, para así facer máis presión ante as Administracións Públicas.

0.16429591178894