Aínda se pode participar no concurso de deseño do cartel da XLIII Feira do Viño de Amandi de Sober
Quedan dúas semanas para que remate o prazo para participar no concurso de deseño gráfico do cartel anunciador da XLIII Feira do Viño de Amandi convocado polo Concello de Sober.
Ata o 5 de febreiro, as persoas interesadas en participar poderán facelo con traballos en formato A3 e técnica libre, que reflictan o espírito da Feira do Viño de Amandi, que este ano terá lugar do 31 de marzo ao 2 de abril, facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura.
O deseño grañador, que está dotado con 600 euros, será empregado como cartel anunciador da XLIII Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man e outro material promocional.
Proceso de participación
Os traballos deberán ser presentados nun sobre pechado co lema do cartel, noutro sobre levará escrito o lema e no seu interior deberá conter os datos do autor: o nome, o enderezo e o teléfono de contacto.
O cartel terá que levar escrito: XLIII Feira do Viño de Amandi, Festa de Interese Turístico, Sober, a URL da páxina web e a data de celebración.
A entrega de orixinais farase na Casa do Concello ata o día 5 de febreiro de 2022 en horario de 10.00 a 14.00 horas e tamén poden ser enviados por correo postal ao Concello de Sober.
Xurado e premio
O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria e o cartel darase a coñecer xunto coa programación do Mes do Amandi.
O xurado estará formado por persoas cualificadas na materia, reservándose a facultade de declarar deserto o premio no caso de que estimase que ningún dos traballos reúne os méritos suficientes.
Os participantes someteranse á decisión do xurado, que resolverá sobre calquera dúbida non prevista nas presentes bases. No caso de facerse unha entrega pública ao gañador ou gañadora este comprométese a recoller persoalmente o premio ou facerse representar debidamente no acto.