Agromuralla e Ligal achegan posturas sobre os protocolos das analíticas do leite

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Membros de Agromuralla visitaron as instalacións do laboratorio en Mabegondo e insistiron na necesidade de implantar o sistema de dobre mostra lacrada
VASO-DE-LEITE
6 Out 2024

O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) móstrase aberto a revisar os protocolos empregados e comprométese a facer unha revisión dos sistemas utilizados para evitar casos como os denunciados este verán pola asociación Agromuralla, con variacións significativas nos resultados das mostras, unha situación que causou “prexuizos económicos importantes ás explotacións”.

O director-xerente do Ligal, Roberto Lorenzana, recibiu na sede do laboratorio a unha representación de gandeiros de Agromuralla, en concreto a varios membros da súa xunta directiva, en concreto ao presidente da asociación, José Luis Pérez Barreiro, ao vicepresidente, Javier Losada, ao secretario, Antonio Alvite e ao portavoz, Roberto López.

Os responsables de Agromuralla puideron visitar as instalacións de Mabegondo e recibir unha explicación de como é o sistema de análise e a forma de traballar do laboratorio, desde a entrada de mostras até o envío dos resultados ás granxas.

José Luis Pérez Barreiro lamentou a tardanza na reunión, posto que os problemas foron detectados a comezos de agosto, pero agradeceu “a predisposición do Ligal a revisar os protocolos actuais”.

Lorenzana, pola súa parte, ofreceu a Agromuralla a posibilidade de solicitar a entrada como entidade representante do sector produtor no Ligal, onde tamén está representada a industria que recolle leite en Galicia.

Analíticas en tres laboratorios oficiais distintos

Agromuralla detectou este verán discrepancias importantes nas analíticas realizadas en tres laboratorios oficiais distintos, doutras tantas comunidades autónomas, en parámetros como o punto crioscópico do leite ou os niveis de graxa e proteína.

“A diferenza entre mostras analizadas en distintos laboratorios chegou a ser de até 15 puntos no punto crioscópico, algo que non pode ser achacado a cambios estacionais porque senón os resultados dos outros laboratorios, posto que as mostras foron tomadas no mesmo momento, tamén terían amosado ese cambio estacional, algo que non sucedeu”, explica Pérez Barreiro.

Desde que foi denunciada por Agromuralla esta situación deixaron de chegar estas analíticas tan dispares. Os responsables do Ligal explicaron que o laboratorio fixo compra de novo material utilizado nas analíticas por se o que tiñan podía estar defectuoso ou en mal estado.

Perdas de miles de euros

Os membros de Agromuralla insistiron ante os responsables do Ligal na importancia da fiabilidade do traballo do laboratorio, pois o resultado das analíticas inflúe directamente no prezo do leite e, polo tanto, no resultado económico final das granxas.

No punto crioscópico, por exemplo, os resultados do Ligal teñen até 5 puntos de marxe de erro, o que pode levar a penalizacións por parte das industrias que recollen o leite. “Pode variar até 2 céntimos no prezo por litro de leite por litro por perder a dobre AA hixiénico-sanitaria, algo que pode suceder se a crioscopía baixa a -514”, exemplifica Pérez Barreiro.

Dependendo do tamaño da granxa, esta variación poden ser miles de euros cada mes, polo que desde Agromuralla fíxose fincapé ante os responsables do Ligal nas consecuencias económicas que pode ter a diferenza nas analíticas para un gandeiro.

Mostras de contraste

Agromuralla insistiu unha vez máis na necesidade de implantar a dobre mostra lacrada e de establecer maiores medidas de seguridade para garantir a fiabilidade da toma de mostras para evitar deste xeito a “indefensión” dos gandeiros. “A encargada da toma de mostras e da súa custodia é a industria que nos recolle o leite e cando unha mostra dá mal estamos totalmente vendidos”, afirma Pérez Barreiro.

Por iso, Agromuralla anuncia que seguirá enviando puntualmente mostras a laboratorios oficiais doutras comunidades autónomas para facer mostreos aleatorios de contraste e validar deste xeito os resultados das analíticas do Ligal. “Seguiremos vixiantes e aleatoriamente seguiremos mandando mostras para seguir facendo controis e comprobar que non se volve producir a situación deste verán. Son analíticas de verificación noutros laboratorios que tamén son oficiais e tamén están certificados pola ENAC, igual que o Ligal”, explica o presidente de Agromuralla.

0.19121813774109