Agroma Sober pide un cambio de rumbo nas políticas de prevención de incendios tras o lume de Pombeiro

O grupo municipal Agroma Sober-IGV presentou unha moción no Concello de Sober para o pleno ordinario do 25 de setembro na que reclama un “cambio profundo” nas políticas de prevención de incendios despois do grave lume de Pombeiro, que queimou unhas 2.000 hectáreas e puxo en risco vivendas tanto en Sober como en Ferreira de Pantón.
A formación considera que o incendio puxo de manifesto a precariedade das medidas actuais e que os concellos teñen unha responsabilidade que non están a cumprir. Lembran que, aínda que a Xunta posúe a maior parte das competencias, os gobernos locais deben actualizar os seus plans de prevención e controlar o cumprimento das faixas de xestión da biomasa. Segundo Agroma Sober, esta tarefa está recaendo na veciñanza, cando é unha obriga municipal.
A voceira da organización, Paula Vázquez Verao, advertiu que “a xente é consciente de que se este lume ten lugar cando se produciu a vaga de agosto, as aldeas queimaríanse e o risco para a poboación serían maior. Non se pode mirar a outro lado, hai que crear xa unha comisión de prevención de incendios xunto cas parroquias e deseñar perímetros, corta lumes e bocas de auga en todas as aldeas”.
Na mesma liña, a formación criticou os investimentos en festexos fronte ás necesidades do medio rural. “Os concellos da chamada Ribeira Sacra teñen que deixarse de meter millonadas en festivais e feiras do viño e protexer a xente, paisaxe e economía tradicional, que é o que permite ter viño e turismo. A disxuntiva é ou patrimonio real da xente, ou decorado (calcinado)”, sinalaron.
Agroma Sober propón un paquete de 22 medidas, que consideran prioritarias para os orzamentos municipais de 2026, entre as que destacan a creación dunha Comisión Municipal de Prevención de Incendios con participación veciñal, a mellora das faixas de biomasa e accesos ás aldeas, o control das plantacións forestais, o apoio a proxectos de gando extensivo e a implantación dun plan de emerxencias específico para a Ribeira Sacra.
“O cambio climático e o despoboamento fan que cada verán os lumes sexan máis virulentos, pero non podemos resignarnos. É hora de actuar con valentía para recuperar o solo agrario, diversificar os montes e garantir a seguridade da veciñanza”, concluíu a formación, que comprometeuse a facer seguimento das súas propostas e insistir na súa incorporación ás contas municipais do próximo ano.
Segundo Agroma Sober, o recente incendio deixou claro que “as aldeas non poden quedar indefensas” e que a falta de planificación e ordenación do territorio converte o Patrimonio da Humanidade nun “simple decorado para a propaganda” mentres vidas e aldeas seguen en perigo.