Agroma Sober-IGV pide garantir a seguridade viaria na estrada LU-P-5901 entre Sober e Canaval

RibeiraSacraXa
Denuncian que a estrada presenta serios perigos para os usuarios e piden a Deputación que poña en marcha medidas de seguridade mentres non se repare
LU-P-5901
LU-P-5901
29 Jan 2025

Agroma Sober-IGV rexistrou hoxe un rogo dirixido ao Equipo de Goberno Local de Sober para instar á Deputación de Lugo que se acometan canto antes as medidas provisionais necesarias para garantir a seguridade viaria na estrada LU-P-5901 (Sober-Canaval) mentres non se repara.

A estrada provincial 5901, que une Sober con Canaval leva anos con múltiples fochancas e cun tramo estragado pola baixada de augas dende a ladeira de Sistín do Mato, denuncian.

En canto rematen as obras de ADIF na estación de Canaval que, sinalan, “agravaron o deterioro da estrada polo paso continuo de camións”, está previsto o seu arranxo por parte deste organismo. Non obstante, advirten de que é necesario actuar con medidas de seguridade mentres non se resolven os problemas da estrada.

“A estrada é perigosa, sobre todo cando chove, e pode provocar saídas de vía”, denuncian. De feito, explican, “houbo que parcheala provisionalmente uns días antes da Feira do Viño de 2024, mais de seguido se deteriorou de novo”.

É por iso que, mentres non se arranxa, sería necesario que se volvera parchear ou, canto menos, que se coloquen sinais de perigo e redución de velocidade, especialmente no tramo inundable por baixo de Sistín do Mato”, piden dende Agroma Sober-IGV. 

Ademais, tamén solicitan trasladar á Deputación de Lugo e a ADIF a necesidade de que o futuro proxecto de mellora da estrada LU-P-5901 (Sober-Canaval) contemple unha solución estrutural para o tramo inundable á altura de Sistín do Mato.

Así mesmo, denuncian que a estrada de Vilela (estrada municipal á que se accede desde esta vía provincial) presenta problemas similares e tamén moi afectada polas correntes de auga, polo que tamén propoñemos ao Concello unha solución.

“Tomé vai destinar case 60.000 euros ao asfaltado dun camiño que non leva a ningures en Antas de Ulla, para seguir enterrando cemento nun suposto Parque Central de Galicia que só está destinado a facer propaganda da Deputacion e do seu Presidente”, sinalan dende Agroma Sober-IGV, que entenden que “o prioritario debería ser manter en bo estado as vías provinciais máis utilizadas, coma esta estrada Sober-Canaval, que está en estado lamentable”.

0.17064499855042