Agroma Sober esixe que se investigue unha vertedura na parroquia de Neiras

A agrupación local de Interior Galego Vivo, Agroma Sober, esixe á Consellería de Medio Ambiente que actúe e investigue unha vertedura detectada na parroquia de Neiras, no Concello de Sober. Segundo denuncian, dende o 10 de decembro de 2025, varios camións e máquinas trasladan material de escombro a unha zona coñecida como “A Graveira”, un espazo lacustre situado nunha antiga canteira de area, actualmente inactiva.
Entre o 10 e o 16 de decembro, advirten, rexistráronse unhas cinco entradas diarias de camións que depositan escombros na zona, utilizando para iso unha pala excavadora. Interior Galego Vivo denuncia que, ademais de residuos inertes, como formigón e pedras, hai tamén outros materiais “como ferros, tubos de bombonas de butano, restos de canalóns, restos de roupa e plásticos”, tal e como acreditan cunhas fotografías.
Esta actividade, din, está a provocar o recheo dunha lagoa que, coas choivas recentes, fai que a auga contaminada chegue á canle de regadío e aos cursos de auga próximos. Por iso, Agroma Sober puxo estes feitos en coñecemento de organismos como SEPRONA, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Concello de Sober e a propia Consellería de Medio Ambiente, que “é a competente para a autorización e rexistro das actividades de produción e xestión de residuos, con función de vixilancia, inspección e control, así como potestade sancionadora no relativo a solos contaminados”.
Interior Galego Vivo lembra que, aínda que os residuos inertes poden empregarse en obras de recheo ou acondicionamento, no caso que denuncian “non só hai residuos inertes, senón outro tipo de material como plásticos, roupa, canalóns ou gomas de bombonas de butano”. Engaden que, de tratarse dunha actuación de “rexeneración”, esta debería contar con autorización da Consellería, o que non parece ser o caso, xa que o material non se enterrou senón que se botou directamente nunha lagoa. Por todo iso, desde IIGV esixen á Consellería que tome medidas e “actúe e sancione, de ser o caso, así como que realice analíticas de auga e solo”.
Paula Vázquez Verao, voceira da agrupación en Sober, conclúe que “as aldeas non poden converterse en vertedoiros nos cales as empresas, aproveitando o despoboamento, aforren trámites medioambientais esixidos. Nun Concello ‘bandeira verde de Galicia’ e nun territorio que a Xunta quere promocionar a Patrimonio Mundial, fallan os alicerces cando apenas hai control sobre a contaminación das augas”.