Agroma Sober denuncia o mal estado da vía entre Áreas e Santo Estevo

RibeiraSacraXa
Piden ao Concello que presente unha queixa ante ADIF polo estado da estrada e mellore o entorno da estación de Áreas
via-tren-sober
7 Oct 2025

Agroma Sober presentou unha moción no Concello para esixir a ADIF a reparación dos danos e o acondicionamento do entorno da estación de Áreas, na parroquia de Rosende. A entidade súmase así ás denuncias da veciñanza, que leva meses advertindo do “lamentable” estado no que quedou a zona tras as obras de modernización da liña ferroviaria Monforte–Ourense.

Segundo explican, os traballos, finalizados en novembro de 2024, deixaron restos de materiais de construción no entorno da vía, especialmente no tramo que une Áreas con Santo Estevo. Na zona existen “cables expostos, risco de desprendementos na ladeira que dá á estrada de Sober a Pantón, entullos por toda a contorna e mesmo vertidos de formigón na estrada e no río”, denuncian os afectados, que consideran que os elementos abandonados supoñen un perigo para as persoas e os animais.

Desde Agroma Sober subliñan ademais que estes residuos “favoreceron a propagación do incendio de Pombeiro”, rexistrado en setembro, e lembran que as obras se financiaran con fondos europeos que obrigan a cumprir un Plan de Acción Ambiental. “Ese plan incluía a xestión dos residuos, algo que claramente non se respectou por parte das empresas contratistas”, afirman.

Denuncian tamén que o entorno de Áreas, situado xunto ao río Cabe e dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000, presenta un estado de abandono preocupante. Reclaman unha actuación integral que inclúa a limpeza do entorno da estación, a mellora da vivenda do apeadeiro e a eliminación de especies invasoras como as acacias, que proliferan en ambas as dúas marxes do Cabe.

A moción presentada ante o Concello de Sober solicita tamén a presentación dunha queixa formal ante ADIF para esixir a corrección das deficiencias detectadas e a posta en marcha, xunto coa Deputación de Lugo e o Concello de Pantón, dun plan de mellora dos camiños e sendeiros na zona de Áreas.

⚙ Configurar cookies
0.091261148452759