AFAMON súmase ás conmemoracións polo Día Mundial do Alzhéimer baixo o lema “Igualando dereitos”

RibeiraSacraXa
O sábado 20 de setembro situarase unha mesa informativa na rúa Cardenal onde membros de AFAMON ofrecerán información sobre a enfermidade e as actividades da asociación
Taller-memoria-Afamon
18 Sep 2025

O próximo 21 de setembro celébrase o Día Mundial do Alzhéimer, e este ano a Confederación Española de Alzheimer e outras demencias (CEAFA) propón conmemorar a data baixo o lema “Igualando dereitos”. Segundo destacan desde a organización, a intención é que “os dereitos das persoas afectadas por esta condición sexan tidos en conta e se igualen cos que xa lle recoñece a outro colectivos. Reivindicamos o dereito a ser recoñecidos non só como persoas que convivimos co Alzheimer, senón, sobre todo, como grupo social, como colectivo, recibindo a mesma atención social e política que hasta o momento se presta a outros colectivos -discapacidade, enfermidades crónicas, enfermidades mentais, etc-”.

En España, o Alzheimer afecta a case 5 millóns de persoas, o que equivale a preto do 11% da poboación total. En Galicia, os datos indican que hai unhas 70.000 persoas con demencia, cunha prevalencia de 4 de cada 100 persoas, cifra que se eleva ao 15% entre os maiores de 64 anos. O envellecemento figura como o principal factor de risco, e as proxeccións demográficas para Galicia apuntan a un aumento das persoas maiores de 65 anos do 23,15% actual ao 41% no 2050, co consecuente descenso da poboación xeral. O Instituto Nacional de Estatística (INE) estima que, para ese ano, Galicia terá 1.762.249 habitantes, dos cales o 41% serán maiores de 65 anos.

En Monforte, a asociación AFAMON súmase á conmemoración coa finalidade de sensibilizar á sociedade e convidar a participar nas actividades previstas. O sábado 20 de setembro situarase unha mesa informativa na rúa Cardenal (zona peonil), onde membros da xunta directiva, voluntarios e traballadores de AFAMON ofrecerán información sobre a enfermidade e as actividades da asociación, entregarán folletos gratuítos con consellos para coidadores de persoas con Alzhéimer, poñerán á venda lotería de Nadal con doativo e mostrarán unha exposición de traballos manuais realizados coa colaboración das persoas usuarias da entidade.

Estas accións buscan visibilizar o impacto do Alzheimer e apoiar ás familias afectadas, lembrando a importancia de “igualar dereitos” e garantir a atención que merecen estas persoas e os seus coidadores.

⚙ Configurar cookies
0.077614068984985