Adxudícanse as obras de construción do novo aparcadoiro do Polígono do Reboredo
Adxudícase a mellora dunha infraestrutura urbana do Concello de Monforte, así como a aprobación das propostas de clasificación de licitadores e o requirimento de documentación doutras dúas obras en entorno rural e urbano.
En concreto, trátase da adxudicación das obras de construción do novo aparcadoiro do Polígono do Reboredo por 292.430,04 euros á empresa Hordescon SL. e da aprobación das propostas de clasificación de licitadores e o requirimento de documentación das obras de pavimentación de todo o entorno do Mercado Gandeiro e da mellora do camiño municipal da Babela.
No caso do novo aparcadoiro do Polígono do Reboredo, o Concello destinou un orzamento de 305.250,57 euros, mentres que para a pavimentación de todo o entorno exterior do Mercado Gandeiro, o orzamento é de 177.787,13 euros. E a mellora do camiño municipal da Babela ten un orzamento de 75.467,12 euros.
O pasado 12 de xuño, José Tomé anunciara esta nova obra de mellora para o Polígono industrial do Reboredo, “que o dotará dunha nova infraestrutura que se engade ó conxunto de medidas de impulso, medidas de consolidación e medidas de crecemento que levamos desenvolvendo no Reboredo, e que nos últimos tempos, permítenlle gozar de moi boa saúde”.
Aparcadoiro no Reboredo
A construción do novo aparcadoiro levarase a cabo na marxe esquerda da vía principal do Polígono, fronte as empresas Oviganic e a Gallaecia Delicatessen, e contará cunha superficie total de 6.400 metros cadrados, cun pavimento de aglomerado asfáltico en toda a calzada e de formigón semipulido na beirarrúa perimetral que o circunda. A capacidade total do aparcamento será de 17 camións e 64 turismos.
Ademais, e tal e como esixe a normativa vixente, contará con 2 prazas de aparcamento adaptadas e 4 prazas con cargadores eléctricos. As prazas de aparcamento para turismos terán unhas dimensións de 5x2,50 metros, mentres que as de camións serán de 17x3,50 metros. Está previsto, para o desenvolvemento dos traballos construtivos, un prazo de 2 meses, dende o momento en que se asine a acta de comprobación de reformulo.
En canto á dotación de servizos, contará con zonas verdes e árbores que darán sombra ás prazas de aparcamento; instalaranse 3 fontes de auga potable e 2 zonas para contedores de residuos sólidos urbanos; instalación de pluviais para recoller todo a auga da choiva da zona e sumidoiros; iluminación pública, con luminarias LED sobre columnas metálicas de 12 metros; instalación de electricidade para alimentar os cargadores eléctricos das catro prazas mencionadas; rede de telecomunicacións, para dar servizo ás 6 cámaras de videovixilancia que se instalarán nesta zona; e rede de abastecemento para dar servizo ás 3 fontes sinaladas.
A construción deste novo aparcamento "é moi necesaria para mellorar os servizos que ofrece este polígono e co que queremos paliar un déficit existente no Polígono do Reboredo, xa que o aparcamento que existe na zona onde se construirá o novo é insuficiente e tampouco reúne as condicións mínimas dunha instalación deste tipo”, explica o alcalde.
Pavimentación do Mercado Gandeiro de Monforte
Outra das actuacións de mellora adxudicadas é a da obra de pavimento de todo o entorno do Mercado Gandeiro da cidade, que tamén fora anunciada polo alcalde a mediados do pasado mes de xullo.
O rexedor xustifica esta actuación destacando que “esta é unha zona que é moi utilizada, especialmente os días de feira, polo que é necesario renovar o seu firme, e pavimentar outras zonas que actualmente non o están, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños de Monforte”.
Neste senso, a actuación abarcará unha superficie total 12.725 metros cadrados, nunha lonxitude total de vías de 1.200 metros, e cun ancho medio de 10,60 metros. Colocarase unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 cm. de espesor.
“Este proxecto dá continuidade o programa de actuacións que o Equipo de Goberno desenvolve no Mercado Gandeiro, pois no ano 2021, acometemos a mellora das cubertas das naves do polbo, cun investimento de máis de 70.000 euros”.
Mellora do camiño municipal da Babela
A mellora do Camiño municipal de A Babela comprenderá a renovación do seu pavimento sobre unha lonxitude de 1.120 metros, a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 4 cm de espesor.
A mellora do Camiño municipal da Babela conta cun orzamento de 75.467,12 euros.