Adxudicados 176.000 euros para a rehabilitación do firme da LU-P-5811 no Saviñao
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este xoves a adxudicación por preto de 176.000€ das obras de rehabilitación do firme da LU-P-5811 que une O Torno con Gorgozo, no Saviñao. Así o informou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, que destacou que se trata dunha “actuación importante máis aló do seu custe económico porque a LU-P-5811 é a vía que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello do Saviñao”.
Os traballos inclúen a mellora do firme dos preto de 4 primeiros quilómetros desta vía, e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización. A empresa adxudicataria resultou Fevisa Vías e Obras SL e o prazo para a execución é de 9 meses.
García Porto sinalou que esta é “unha obra moi importante para seguir mellorando a rede de estradas da Deputación de Lugo e, polo tanto, a mobilidade dos veciños e veciñas da provincia”.