Adxudicado o proxecto de mellora da rúa Roberto Baamonde en Monforte

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte ven de anunciar a adxudicación do proxecto de mellora da rúa Roberto Baamonde á empresa Francisco Gómez y CIA, S.L.
jose tome gloria prada
8 Oct 2021

O Concello de Monforte ven de anunciar a adxudicación do proxecto de mellora da rúa Roberto Baamonde á empresa Francisco Gómez y CIA, S.L., por un prezo de 72.228,00 euros IVE engadido, logo de que hai unhas semanas fora presentada a licitación deste proxecto en rolda de prensa.

“Decidimos acometer o proxecto de mellora da rúa Roberto Baamonde debido ás eivas que dende o Concello detectamos en canto ó desgaste do seu pavimento, así como deficiencias na sinalización horizontal de dita rúa, as cales inciden negativamente nas condicións do tráfico”, indicou o alcalde de Monforte, José Tomé.

O proxecto de actuacións sobre esta rúa, consistirá na reposición da capa de rodadura deste vial urbano, ó longo de 810 metros lineais, e na renovación da súa sinalización horizontal e vertical.

O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, será de 14 días hábiles (tres semanas). Neste senso, o alcalde precisou que “este é un prazo amplo, xa que unha obra deste tipo poderíase desenvolver en menos tempo, pero establecemos este prazo de execución de 14 días debido a que é unha vía cun alto nivel de tráfico, e que non podemos cortar totalmente”.

Neste senso, o Concello informará dos cortes de tráfico que se leven a cabo unha vez se inicien os traballos de mellora nesta rúa, que “agardamos se inicien nos vindeiros días, antes de que remate o mes de outubro, se o tempo o permite”, precisou o alcalde.

Importancia da rúa Roberto Baamonde

A rúa Roberto Baamonde créase a finais do século XIX sobre o trazado da vía que ía desde a Pobra de Brollón a Ourense. O seu primeiro nome como vía urbana foi o de avenida da Liberdade, adoptando o actual nome desde 1.926.

Trátase dun vial que discorre desde a súa confluencia coa rúa Cardeal Rodrigo de Castro ata o encontro coa rúa Calvo Sotelo, e a vía do ferrocarril.

É unha rúa que é atravesada no seu primeiro tramo pola Avda. de Galicia, e conflúen nela numerosas vías de menor intensidade de tráfico, o que a dota dun carácter de "colector-canalizador" de tráfico que, unido ó limitado da súa anchura, fai que en determinadas horas do día a fluidez do tráfico sexa intensa.

Roberto Baamonde é pois unha das rúas máis transitadas da cidade, que comunica coa zona da Estación, saída cara Pobra de Brollón e tamén cara á N-120, polo que, “é unha rúa que axuda a conformar a imaxe da nosa cidade, e que polo tanto, queremos dende o Equipo de Goberno, manter en bo estado esta rúa que vertebra a trama urbana de Monforte” indicou Tomé Roca.

Actuacións de mellora en Roberto Baamonde

En concreto, as obras que se desenvolverán consistirán nun fresado previo, de 5 cm. de espesor, excepto naqueles tramos nos que a urbanización da rúa así o requira por motivo de existir zonas acabadas en adoquín (por exemplo, a zona de Julio Camba e Pr. Do Conde) ou pola existencia dun paso peonil elevado (por exemplo, na parte alta de Roberto Baamonde). En ambas zonas respectarase o acabado existente. Ao resto da vía dotaráselle de nova capa de rodadura de 5 cm de espesor. Trátase de manter o mesmo nivel de rasante que ten actualmente.

Igualmente reporanse os sumidoiros, pozos e arquetas, tendo especial coidado no seu acabado e nivelación dos elementos metálicos de tapa, de maneira que se garanta a ausencia de ruídos que se xeran ao transitar o tráfico rodado por eles e que adoitan ser especialmente molestos para os residentes da contorna inmediata á vía.

Manteranse as dimensións dos actuais pasos de cebra, xa que que son suficientemente axeitados para o tráfico peonil da zona onde se sitúan.

E finalmente, reforzarase e renovarase a sinalización horizontal e vertical, co obxecto de sinalizar a calzada da forma máis clara e lexible posible, con tres liñas para delimitar os dous carrís de circulación, as zonas de estacionamento e os espazos habilitados para carga e descarga. Especialmente, renovarase a sinalización vertical, concretamente no encontro da rúa coa Avda. de Galicia, coa inclusión de dúas sinais verticais de sentido obrigatorio e de prohibición de virar á esquerda, tal como está agora, pero máis completa.

0.16553783416748