Adxudicadas dúas obras en Monforte para mellorar as infraestruturas
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que tivo lugar a adxudicación de dúas actuacións de mellora en infraestruturas urbanas e rurais do Concello de Monforte.
En concreto, trátase da adxudicación das obras de mellora da pavimentación de todo o entorno do Mercado Gandeiro, que foi adxudicada á empresa Misturas S.A. por un importe de 152.193,80 euros, e da mellora do firme do camiño municipal de A Babela, que foi adxudicada tamén á empresa Misturas S.A. por un importe de 64.744,68 euros.
En total, ambas actuacións alcanzan os 216.938,48 euros e o prazo de execución nos dous casos é de 1 mes, dende que se asine a acta de replanteo. A previsión é que as obras rematen, en ambos casos, entre finais de outubro e principios de novembro.
Para a pavimentación de todo o entorno exterior do Mercado Gandeiro, o orzamento total é de 177.787,13 euros, e a mellora do Camiño municipal de A Babela, ten un orzamento de 75.467,12 euros.
As actuacións
Unha das actuacións de mellora adxudicadas é a da obra de pavimento de todo o entorno do Mercado Gandeiro da cidade, que fora anunciada polo alcalde a mediados do pasado mes de xullo.
O alcalde xustifica esta actuación destacando que “esta é unha zona que é moi utilizada, especialmente os días de feira, polo que é necesario renovar o seu firme, e pavimentar outras zonas que actualmente non o están, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños de Monforte”.
Neste senso, a actuación abarcará unha superficie total 12.725 metros cadrados, nunha lonxitude total de vías de 1.200 metros, e cun ancho medio de 10,60 metros. Colocarase unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 cm de espesor.
“Este proxecto” subliña o alcalde, “da continuidade o programa de actuacións que o Equipo de Goberno desenvolve no Mercado Gandeiro, pois no ano 2021, acometemos a mellora das cubertas das naves do polbo, cun investimento de máis de 70.000 euros, e neste ano imos acometer a mellora doutras dúas naves do mesmo”.
Pola súa parte, a mellora do Camiño municipal de A Babela comprenderá a renovación do seu pavimento sobre unha lonxitude de 1.120 metros, entre o barrio de Babela, en Distriz, e a Depuradora de Piñeira, xunto á N-120 e a estrada de Sober. A renovación do firme farase a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor.