Adxudicadas as obras no centro de atención a maiores da Pobra do Brollón
A Deputación de Lugo adxudicou os traballos para a construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón por máis de 1,5M€. Unha decisión que foi aprobada pola Xunta de Goberno provincial na súa reunión do pasado venres.
A empresa adxudicataria destas é Sergonsa Servicios SL e o prazo de execución é de 12 meses.
A institución provincial tivo que iniciar un novo proceso de licitación logo de que o anterior contrato debera resolverse por cuestións alleas á Deputación de Lugo.
A Deputación e o Concello da Pobra do Brollón asinaron o pasado outono a modificación do convenio de colaboración entre ambas entidades que recollía un cambio nas datas derivado da resolución do contrato anterior para a construción desta infraestrutura social. O documento fixa agora como data límite o 31 de maio de 2022 para ter rematada e recibida esta residencia provincial. Así mesmo, a modificación tamén establece que o convenio terá vixencia ata finais do mes de xuño do 2022.