Adxudicada por máis de 1,3 millóns de euros a xestión do complexo deportivo de A Pinguela

RibeiraSacraXa
O contrato ten unha duración inicial de dous anos e posibilidade de prórroga ata un máximo de catro
tome-rolda-de-prensa-concello-de-monforte
9 Sep 2025

A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou este luns, 8 de setembro, a adxudicación do contrato de xestión do complexo deportivo de A Pinguela. A empresa elixida é Ideas de Bolina S.L., que presentou a oferta mellor valorada pola mesa de contratación.

O contrato ascende a 1.383.821,95 euros, cunha duración inicial de dous anos e posibilidade de prórroga ata un máximo de catro. A adxudicataria asumirá a dirección técnica, a recepción de usuarios, o socorrismo, a ensinanza deportiva, ademais do mantemento e a limpeza das instalacións.

O alcalde, José Tomé Roca, explicou que a reforma integral do complexo, que incluíu a renovación do pavillón polideportivo, as pistas de tenis e a piscina municipal, pendente de reabrir en breve, complétase coas melloras no aparcadoiro e na accesibilidade desde a rúa Sober. “Esta actuación enmárcase dentro do meu compromiso como Alcalde de transformar e de mellorar o Concello de Monforte, tal e como vimos demostrando ao longo destes anos de Goberno”, sinalou.

Respecto ao persoal, o rexedor lembrou que a empresa contratará ao mesmo cadro de traballadores que xa formaban parte do persoal antes das obras na piscina, mantendo as súas categorías e condicións laborais, en cumprimento do compromiso adquirido con eles.

En canto ao investimento global, Tomé subliñou que a remodelación integral do complexo deportivo supón arredor de 6 millóns de euros, unha cifra que converterá este espazo “nun referente a nivel de equipamento e instalacións deportivas, cunha imaxe atractiva e contemporánea, á disposición dos veciños, veciñas e deportistas”.

O proxecto transformou por completo a piscina municipal, conservando unicamente a estrutura do edificio. Reorganizáronse os espazos para facelos máis amplos e funcionais, cunha cafetería redeseñada, novas bancadas con maior aforo, vasos renovados, vestiarios adaptados e un ximnasio máis grande. Tamén se incorporaron melloras de eficiencia enerxética na envolvente térmica, logrando unha imaxe exterior en harmonía co tamén remodelado pavillón polideportivo.

⚙ Configurar cookies
0.15755295753479