Adxudicada a praza de médico de familia do centro de saúde de Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
Mentres se completa o proceso de toma de posesión, a atención sanitaria estará cuberta co apoio dos profesionais do PAC de Quiroga
folgoso-do-courel
23 Jan 2026

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) resolveu de forma definitiva a adxudicación da praza de medicina de familia do centro de saúde de Folgoso do Courel, incluída na última Oferta Pública de Emprego convocada pola Xunta de Galicia.

A praza foi asignada á facultativa que xa viña prestando atención no centro como interina, o que garante a continuidade asistencial á poboación. Segundo os prazos establecidos, a profesional deberá incorporarse como titular antes de mediados do mes de febreiro.

Mentres se completa o proceso de toma de posesión, explican desde o Sergas, a atención sanitaria en Folgoso do Courel estará cuberta co apoio dos profesionais do Punto de Atención Continuada (PAC) de Quiroga, que reforzan a asistencia en horario de mañá tanto no centro de saúde do municipio como no consultorio de Seoane do Courel cando é posible. Este último mantén actualmente vacante a súa praza médica, que continúa ofertándose polos canais habituais para a súa cobertura estable. Ata entón, sinalan os responsables sanitarios, a actividade asistencial sostense mediante substitucións e outros mecanismos organizativos.

En total, os dous centros de Atención Primaria do municipio, o de Seoane e o de Folgoso, dan servizo a arredor de 700 persoas e, ademais da atención presencial e programada, préstase seguimento domiciliario e asistencia a pacientes crónicos, apoiada por programas específicos.

⚙ Configurar cookies
0.076447010040283