Adxudicada a explotación do Mazo de Santa Comba e o Club Náutico Ponte do Sil

LugoXa | RibeiraSacraXa
A Deputación adxudica a explotación do restaurante do Mazo de Santa Comba e do Club Náutico de Ponte de Sil
PIlar garcia porto
17 Jun 2022

Adxudicada a explotación do restaurante do Mazo de Santa Comba en Lugo e do Club Náutico de Ponte do Sil, en Monforte. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe as concesións destas instalacións de titularidade provincial.

A voceira socialista, Pilar García Porto, deu conta hoxe dos asuntos tratados en Xunta de Goberno e concretou a concesión é por dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais, é dicir, un máximo de catro anos.

A Deputada detallou que os adxudicatarios poderán facer uso das instalacións tras depositar unha cantidade económica como garantía e asinar un acordo para formalizar obrigas, “polo que esperamos que en pouco tempo estes servizos xa estean a disposición da cidadanía e axuden a promocionar o territorio e a dinamizar a economía”, explicou.

No caso do Mazo de Santa Comba, o prezo mensual que debe abonar o adxudicatario é de 450 euros, que significarán 5.400 euros ao ano; e en Ponte do Sil, o prezo é de 502,50 euros ao mes, é dicir, 6.030 euros ao ano.

“Con este concurso público a Deputación non busca obter unha renda económica, senón unha rendibilidade social e turística. O que queremos é promover o uso e manter activas estas dependencias provinciais para que sexan aproveitadas pola cidadanía. Somos conscientes de que, tanto o Mazo de Santa Comba, como o Club Náutico de Ponte do Sil están situados en enclaves turísticos atractivos e en auxe, e dende logo, temos claro que o seu funcionamento enriquece a oferta turística da provincia, o que terá un impacto positivo para a economía e o emprego”, explicou García Porto.

PORTOMARÍN

Precisamente por este motivo, avanzou, a Deputación volverá a iniciar un procedemento administrativo para adxudicar a explotación das instalacións do Club Náutico de Portomarín, logo de que o concurso público que se convocou quedase deserto porque non se presentou ningunha oferta.

pilar garcia porta xunta goberno local deputacion
0.15603399276733