Adrián Penido inaugura a mostra artística '(A)mar' en Monforte
O espazo cultura de !Creativa en Monforte de Lemos acolleu a inauguración da exposición (A)mar, conxunto de obras realizadas polo artista silledense Adrián Penido, onde recolle a beleza e os horrores da mar a través da pintura.
Esta mostra de arte itinerante trata temas coma a contaminación, a migración e o narcotráfico empregando o tema mariño como fío conductor.
Faino explorando a fusión entre a abstracción e a figuración, contraste que se pode observar en cada unha das obras expostas. En Open Arms pódese observar esta búsqueda, onde percibimos como a aleatoriedade da mar se enfrenta a figura do barco.
Outra constante na proposta artística é “abrazar o erro” como parte da obra. Tamén está presente o xogo de texturas. Podemos atopar obras con carga matérica como é o caso de Ondas, obra composta por 5 pezas que representa a forza da mar, sempre imparable e cambiante.
Nesta segunda mostra de (A)mar podemos atopar novas obras como Praia das furnas ou Punta Frouxeira, onde o artista continúa experimentando cas cores e texturas da costa galega.
A obra Cian ESP 5176 marca o inicio dunha etapa de experimentación no uso das telas e a súa xustaposición. “A idea era aproveitar telas pequenas que sobraban doutros cadros e con elas xogar, crear texturas e diferentes efectos”, explica Adrián.
Esta reciclaxe das telas pódese ver noutras obras da exposición, como é o caso de Contrabando, onde o artista crea espazos na composición. Unha pequena xanela que nos permite observar restos de caixas de tabaco da marca Winston, facendo así un guiño aos inicios do contrabando do tabaco en Galicia.
Ó longo do mes de maio poderase seguir disfrutando da exposición en !Creativa.