Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

RibeiraSacraXa
González, de 32 anos e vinculado ao deporte, releva a José Manuel Pol tras formalizar a súa renuncia como concelleiro da corporación local
pp-quiroga
27 Jun 2025

O Grupo Municipal Popular de Quiroga nomea a Adrián González como novo portavoz. Os concelleiros trasladaron a súa elección nunha reunión coa presidenta do PP local, Rosa Arza, e a presidenta provincial, Elena Candia.

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros e comprométese a desenvolver o labor “dende a responsabilidade que merecen os veciños e veciñas de Quiroga”.

Así mesmo, o novo voceiro apuntou a súa vontade de “aportar o meu gran de area, con ilusión e ganas de traballar” dentro dun equipo que busca “impulsar o Partido Popular, que estivo á fronte do goberno municipal durante 36 anos, para alcanzar a maioría nas vindeiras eleccións municipais”.

Adrián González releva a José Manuel Pol como portavoz do PP no Concello, unha vez formalizada a súa renuncia como concelleiro da corporación municipal. O Grupo Municipal Popular contará cun novo edil, Andrés Campo, que ocupará a acta como representante do Partido Popular.

Candia e Arza agradecen a González a “súa implicación” e convídano a traballar dende “a humildade” por un concello cun gran potencial vinculado tanto a Ribeira Sacra coma as montañas do Courel. Así mesmo, defenden que “só o traballo constante, dende a unidade e da man dos veciños permitirá á formación popular acadar os obxectivos que nos marcamos de cara ás vindeiras eleccións municipais”.

⚙ Configurar cookies
0.16833806037903