Adif investirá 546 millóns na mellora do corredor Ourense-Monforte-Lugo
Adif ten previsto un investimento de 546 millóns de euros para mellorar e modernizar o corredor ferroviario que comunica Lugo e Ourense a través de Monforte de Lemos, con obras que inclúen a electrificación do trazado, a renovación das vías, a implantación de novas instalacións de seguridade e control de tráfico, melloras nas telecomunicacións e a construción dun novo túnel en Oural (Sarria).
A presidenta do administrador ferroviario, Isabel Pardo de Vera, facía este venres balance en Lugo das actuacións que xa están en marcha e das que se prevén agora para modernizar o corredor Ourense-Monforte de Lemos-Lugo. Acompañábana o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Sergio Vázquez Torrón, e o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé Roca.
Tal e como informaron, Adif investirá eses 546 millóns de euros nos vindeiros dous anos "co fin de mellorar a súa fiabilidade e competitividade", dada a incorporación do tramo Ourense-Monforte ao Corredor Atlántico de Mercadorías e á necesaria implementación da conexión de Lugo á Rede da Alta Velocidade.
José Tomé calificou a xornada como "un día histórico ou que vai facer historia en Monforte e na provincia" porque "grazas ao traballo e ao compromiso do Goberno de España, Lugo volve a estar no mapa das infraestruturas de Galicia e de España".
O investimento anunciado por Adif, destacou o presidente provincial, “ten por si mesmo un gran valor, pero cobra un especial significado na nosa provincia despois do desprezo absoluto ao que someteron a Lugo os gobernos do noso país entre os anos 2011 e 2017. Uns gobernos que non fixeron absolutamente nada pola provincia en materia ferroviaria, só paralizar o que xa estaba en marcha, algo constatado nos seus informes polo Tribunal de Contas, como foi, entre outras cousas, a ruptura do contrato da Estación Intermodal de Lugo para a chegada do AVE. A situación foi tan grave que ata houbo que indemnizar a empresas por non facer nada, porque rompéronse os contratos”.
O corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, ten 117 quilómetros de lonxitude, aínda que a situación das infraestruturas varía entre Ourense e Monforte, cun trazado de 36 km en vía única e electrificada, e entre Monforte e Lugo, con 71 km e unha vía aínda pendente de electrificar.
A electrificación proposta suporá, ademais dos efectos positivos medioambientais, unha redución de costes operativos e un aumento das prestacións que repercutirá, a súa vez, nunha maior competitividade do ferrocarril respecto a outros modos de transporte, principalmente a estrada.
SUPRESIÓN DE PASOS A NIVEL
Adif destinará 30 millóns de euros á supresión de ata 35 pasos a nivel no tramo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo. Deses pasos a nivel, 5 están en Monforte, 14 en Sarria e outros 14 en Lugo. Os dous restantes son da provincia de Ourense.
Os proxectos de supresión de pasos a nivel están en fase de supervisión. A súa execución é compatible co resto de obras, pero non condiciona o seu ritmo de execución.