Adiada en Escairón a obra de teatro Asasinato na Tenda de Roupa
Esta comedia para tódolos públicos representada polo grupo de teatro do Hospital Universitario Lucus Augusti que tiña prevista a súa celebración para maña sábado día 12, viuse adiada pola enfermidade dunha das súas actrices principais.
A nova data de representación de Asasinato na Tenda de Roupa, está prevista para o vindeiro sábado 19 de novembro ás 18.00 horas no Auditorio de Escairón, no Saviñao.
Esta obra de Pepe Vázquez Peinó cuxo director é Carlos Rebolo, ten unha duración de 60 minutos e conta a historia de Dona Katiusca, propietaria dunha tenda de roupa que dirixe cunha actitude claramente tiránica. Na vida desta muller agóchanse unha chea de maldades e trampulladas. Un día calquera, a tenda énchese de clientas. Todo transcorre con normalidade ata que se descobren varios cadáveres. A situación complícase, pero aparecen en escena o gran detective Sherlock Sánchez e máis o seu axudante Cirilo Burrámez, que conseguen resolver os crimes e desentrañar os segredos de Dona Katiusca.