Adega prepara o roteiro 'A mestura das augas' para o vindeiro domingo
A asociación ecoloxista Adega organiza a ruta 'A mestura das augas', no marco do seu programa de roteiros para a tempada 2020/21. A ruta farase o vindeiro domingo, día 21 de marzo, e irá desde A Peroxa ata os Peares, xa na provincia de Lugo.
Desde a organización explican que se trata dun percorrido doado, de baixada, e que transcorre por dous escenarios diferenciados. Na primeira parte camiñarase ao carón do río Barra ata Gulfariz, e na segunda parte á beira do Miño ata a vila dos Peares, onde se poderá ver a unión dos ríos Sil, Miño e Búbal.
"No itinerario poderemos contemplar un ben conservado bosque de ribeira, na primeira parte, ademais de pasar polo Castelo de A Peroxa. Na segunda parte poderemos apreciar algúns dos impactos que ameazan aos nosos ríos, neste caso a presenza de especies de flora exótica invasora pola beira do río Miño", explican desde Adega. Coincidindo coa celebración do Día da Árbore farán ademais un "pequeno acto reivindicativo contra o novo plan forestal da Xunta".
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o vindeiro xoves 18 na bitácora dos roteiros, roteirosadegalugo.wordpress.com, ou chamando ao teléfono 982240299. Os participantes deberán cumprir as medidas de seguridade establecidas fronte á pandemia da covid.