ADEGA-Lugo presenta alegacións contra o proxecto do parque eólico Ferroedo

ADEGA-Lugo vén de presentar alegacións ao proxecto do parque eólico Ferroedo, un proxecto que abranguerá varias parroquias dos concellos de Bóveda, O Saviñao, Monforte e Pantón, e que segundo a asociación “supón unha grave ameaza ambiental, patrimonial e social” para esta extensa área xeográfica en plena Ribeira Sacra.
Dende Adega explican que o parque propiamente dito, aeroxeradores e subestación, estará situado en varias zonas, mentres o resto da contorna estará afectada por unha nova liña eléctrica de alta tensión de case 30 quilómetros de lonxitude para conducir a enerxía xerada no parque ata o punto de conexión coa rede xeral, prevista no concello ourensán de Nogueira de Ramuín.
A organización ecoloxista alerta de que o proxecto se suma á forte concentración de parques eólicos xa existentes ou en tramitación na zona, o que advirten, xera un impacto acumulativo moi elevado sobre o territorio. Esta saturación afecta especialmente a espazos de alto valor ambiental, situados na contorna da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.
Para Adega, un dos aspectos máis preocupantes é a afección sobre o miñato real (Milvus milvus), especie de ave protexida catalogada en perigo de extinción en Galicia, xa que contorna do proxecto existen durmidoiros invernais con presenza significativa desta ave, para a que os aeroxeradores e as liñas eléctricas representan unha das principais causas de mortalidade.
Ademais, denuncian o forte impacto paisaxístico que tería o parque sobre a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, declarada Ben de Interese Cultural e cun importante valor turístico e identitario, ao considerar que a implantación de grandes aeroxeradores e infraestruturas asociadas alteraría de maneira irreversible a imaxe dun territorio que basea boa parte do seu desenvolvemento na calidade ambiental e na conservación da súa paisaxe.
O proxecto tamén afectaría a montes veciñais, explotacións agrarias e gandeiras —varias delas de produción ecolóxica—, así como a fontes e mananciais que abastecen á poboación local. Ademais, parte das infraestruturas do parque (aeroxeradores e liña eléctrica de evacuación) proxéctanse próximas a núcleos rurais e edificacións illadas como vivendas e granxas, co risco que isto supón para a saúde das persoas e animais; risco que o proxecto presentado non avalía adecuadamente.
Dende ADEGA defenden que a transición enerxética é necesaria, pero consideran non pode facerse sen unha planificación territorial rigorosa previa e a costa de degradar espazos de alto valor natural e cultural, sobrecargar un territorio xa fortemente afectado por proxectos eólicos, e poñer en perigo a saúde e calidade de vida das persoas e animais que residen no territorio.
Por iso, reclaman unha planificación racional e equilibrada que respecte a biodiversidade, o patrimonio cultural e natural e ás comunidades locais. Por todo isto, ADEGA solicita á Xunta de Galiza que o proxecto do parque eólico Ferroedo non sexa autorizado.