Adega e Proxecto Ríos farán este domingo a limpeza simultánea anual en toda Galicia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Participarán 56 concellos e máis de 70 entidades de todo tipo
mollate-polos-rios
24 sep 2024

A XVII Limpeza Simultánea de Ríos Móllate polos ríos, impulsada pola organización ecoloxista Adega e Proxecto Ríos, celebrarase este ano en 56 concellos de toda Galiza, e nela participarán máis de 70 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…), moitas delas asiduas nestas limpezas e outras moitas que se suman por primeira vez a esta decimo sétima edición.

As limpezas simultáneas terán lugar o próximo domingo, 29 de setembro, e mobilizarán unha gran cantidade de persoas voluntarias que se mollarán polos ríos destes 56 concellos co obxectivo de deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social. Ademais, o venres anterior, día 27 de setembro, celebraranse tamén limpezas simultáneas nas que participará alumnado dos centros de ensino.

Calquera persoa particular interesada no voluntariado ambiental pode unirse a esta Limpeza Simultánea de Ríos poñéndose en contacto coas propias entidades locais que artellen limpezas na súa localidade. Nesta ligazón da web de Proxecto Ríos pódese consultar a listaxe destes concellos e asociacións organizadoras xunto cos seus datos de contacto, no caso de todos aqueles grupos que non estean xa pechados. A Cañiza, A Coruña, Allariz, Ames, Baamonde, Betanzos, Catoira, Castro de Rei, Moaña, Monforte de Lemos, Ourense, O Irixo, Compostela, Vigo... Todas as persoas atoparán preto delas a posibilidade de calzar as botas e axudar ao coidado dos nosos ecosistemas fluviais.

A Limpeza Simultánea de Ríos pretende divulgar as chaves para realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Neste sentido, ademais de poñerse mans á obra para limpar os ríos, a organización ecoloxista Adega repartirá un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descargar na web de Adega.

O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por Adega, é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación.

Colaboracións

Este ano, a Limpeza Simultánea de Ríos desenvólvese coa colaboración dos concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Cangas do Morrazo, Fene, Gondomar, Meis, Melide, Miño, Moaña, Narón, Nigrán, Ourense, Pontecesures, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Compostela, Soutomaior, Tomiño e Verín.

Trátase dunha actuación financiada por Augas de Galiza, Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.

0.19519591331482