Mantense a Situación 2 por incendios en toda a provincia de Ourense con especial preocupación en Chandrexa de Queixa e Maceda

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
As lapas calcinan xa 5.000 hectáreas en Chandrexa de Queixa, con dous focos activos e descontrolados
incendio-san-cibrao-das-viñas
Incendio Chandrexa de Queixa, imaxe de @Brifflaza
12 Aug 2025

A Xunta decretou este martes a Situación 2 en toda a provincia debido aos múltiples incendios activos por todo o territorio e con especial preocupación polos de Maceda e Chandrexa de Queixa. Unha alerta que se mantén este xoves cando continúan activos preto dunha decena de lumes en toda a provincia.

A alerta implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).

En Maceda, na parroquia de Santiso, o lume arrasa xa unha superficie de arredor de 500 hectáreas que afectan á Serra de San Mameda e preocupan especialmente pola proximidade ás vivendas, sobre todo nos núcleos de Calveliño do Monte e Santiso, así como á posibilidade de que este incendio se una ao activo na serra de Queixa, que calcina xa máis de 5.000 hectáreas calcinadas, 4.500 no foco de Requeixo e 500 no de Parafita, superando a superficie total queimada en Galicia en todo o pasado ano. No día de onte, as lapas calcinaron un coche da consellería de Medio Rural no que viaxaba a alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo.

Pola súa conta, o de Chandrexa segue sen control e as lapas continúan estendéndonosme sobre un terreo de difícil acceso que dificulta as labores de extinción. Nel, mobilizáronse, ata o momento, 15 técnicos, 58 axentes, 87 brigadas, 48 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 14 avións. Tamén se incorporaron ás tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Ademais, un dos focos, que afecta ao Concello de Manzaneda, na zona do acceso á estación de Montaña, obrigou esta noite a desaloxar aos participantes dos campamentos de verán. Ademais, queda cancelado tamén o espectáculo previsto para esta noite con motivo das Xornadas de Folclore, ante a grave situación que está a vivir o municipio.

Un novo lume na Mezquita sumouse este luns aos lumes activos na provincia, que vive unha situación crítica empeorada polo vento e as altas temperaturas. Pola súa conta, os lumes en Cartelle, Vilardevós, Montederramo, Paredes, Vilariño de Conso e Maceda (parroquia de Castro de Escuadro) xa están estabilizados, mentres que o de Verín permanece controlado.

Ademais, sobre ás 14:00 horas da tarde de onte un incendio en Seixalbo fixo saltar todas as alarmas pola súa ceranía ás casas e ao polígono de Barreiros. Na cidade e na súa contorna, o fume e a choiva de cinzas fixéronse notar durante toda a tarde. Dende Medio Rural aseguran que o lume segue activo pero evoluciona favorablemente e xa non supón un risco para a veciñanza. Na tarde de onte, varios veciños tiveron que ser evacuados durante horas. Ademais, a circulacións de trens viuse afectada e permaneceu cortada durante boa parte da tarde.

A XUNTA PIDE EXTREMAR AS PRECAUCIÓNS

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse na tarde deste martes ao Centro de Coordinación Provincial de Ourense, onde está constituído o CECOP. Rueda agradeceu o esforzo dos numerosos efectivos que loitan contra os incendios forestais en Galicia e chamou a extremar as precaucións.

O presidente da Xunta trasladouse ao centro acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez, para supervisar a situación dos incendios, así como o despregamento de medios terrestres e aéreos, incluída a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e o resto de forzas de seguridade do Estado implicadas nas tarefas de control e extinción. Ademais, expresou o seu desexo de pronta recuperación para os tres bombeiros da brigada municipal de Oímbra que resultaron feridos mentres traballaban nun incendio neste municipio.

Rueda fixo un chamamento á poboación para extremar a precaución ante a climatoloxía adversa, con altas temperaturas e refachos de vento moi fortes, e asegurou que desde a Xunta se seguirá traballando “o tempo que faga falta”.

Rueda tamén lamentou que moitos dos incendios actuais sexan provocados e asegurou que “perseguiremos ata o final a quen os provoca e asumiremos as consecuencias que estamos a ver”.

⚙ Configurar cookies
0.16118383407593