Acruga rexistra o aumento de 180 explotacións máis en Galicia

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega acaba de pechar o seu balance anual do ano 2024, con importantes datos que demostran o avance nalgúns aspectos destacados para a mellora da raza como o aumento de explotacións, en case 180 máis en Galicia; a subida dos animais no rexistro definitivo, e o aumento do prezo medio das #xato poxadas nas poxas que realiza a asociación ao longo do ano, con prezos de récord. Con respecto a 2023 creceron nun centenar o número de reprodutores e na mesma cifra tamén se incrementaron o número de nacementos.
En canto ao número de explotacións, no 2023 contabilizábanse 1.382 ganderías, unha cifra que ao peche do ano pasado elevábase ata as 1.560. Tamén se incrementaron o número de animais de raza loura que están inscritos no rexistro definitivo, pasando dos 11.692 aos 11.810 actuais. A cifra de exemplares neste rexistro definitivo subiu mentres que se reduciu a do auxiliar, algo esencial para a raza, posto que os animais do rexistro definitivo son aqueles en os que a súa procedencia e carta xenealóxica está comprobada e certifica, polo que é a algo ao que se aspira desde todas as razas que buscan a pureza e a maior das garantías para gandeiros e compradores.
Outra das cifras que experimentou un lixeiro ascenso é o número de reprodutores, que pasou de 21.388 a 21.483 ao peche do pasado ano. O mesmo ocorreu cos nacementos, que en 2024 contabilizáronse 8.761 polos 8.659 do ano anterior. Actualmente, o número de animais de Raza Rubia Galega sitúase en case 29.000 exemplares.
Aínda que Galicia segue concentrando o maior número de explotacións de Raza Loura Galega, cun total de 1.530, están a asentarse e crecendo lixeiramente as ganderías con esta raza noutros puntos de España, como en Castela-León (15); Madrid (5); Andalucía (4); Estremadura (4); Cantabria (2) e País Vasco (1), comunidades autónomas nas que hai un total de explotacións de loura galega.
Outro dos datos que se puxo de manifesto no balance anual de Acruga foi o incremento do prezo dos exemplares presentados ás distintas poxas que a Asociación de Criadores de Raza Loura Galega organiza en diferentes puntos de Galicia, na súa maioría na provincia lucense. Segundo os datos do pasado ano, nas 13 poxas de, principalmente, xatas preñadas, procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, adxudicáronse 104 exemplares dos 105 presentados, cun prezo medio que roldou os 2.600 euros. Esta é unha tendencia que segue á alza a xulgar pola comparativa dos últimos anos nos que os prezos medios foron de 2.520 euros no ano 23; 2.217 no anterior; 2.277 no 2021 e de 2.250 euros no 2020. Hai que ter en conta ademais que o ano pasado incrementouse o prezo de saída destes exemplares que está fixado en 2.300 euros.
A xulgar polos resultados obtidos no actual exercicio nas nove poxas celebradas, as #xato preñadas que chegan do centro da Deputación de Lugo lograrán un novo récord este ano. Así, a falta de polo menos cinco poxas, o prezo medio sitúase actualmente en 3.130 euros, moi por encima do de saída.
Homenaxe a gandeiros e gandeiras
Ademais de dar a coñecer todos estes datos, Acruga celebrou a súa tradicional comida anual no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, un encontro multitudinario que serviu para render homenaxe a varios gandeiros e gandeiras que pasarán a gozar da súa xubilación, e para recoñecer o traballo doutros moitos criadores que levan anos impulsando a mellora desta raza. Para conceder estas distincións, o presidente de Acruga, César Dorado, estivo acompañado polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández; a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; o deputado provincial, Carlos López; e o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela.