Acordo unánime en Chantada a favor da sanidade pública

A moción que levou Por Chantada – IGV ao último Pleno para esixir unha cobertura sanitaria suficiente na comarca foi aprobada por unanimidade, co voto a favor de todos os grupos políticos con representación municipal, tras aprobarse unha emenda do Partido Popular no senso de non especificar as prazas concretas que se exixían e, no canto, exixir a cobertura das prazas necesarias en termos xerais.
Antom Fente, voceiro de Por Chantada-IGV, manifestaba “satisfacción pola unión de todas as forzas en instar á Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia a cumprir coas demandas da Valedora do Pobo a instancias da Plataforma veciñal Chantada Quere Sanidade (solucionar os problemas de cobertura de prazas, dotar de mecanismos de información ás persoas doentes das opcións ante as dificultades de acceso á atención sanitaria por mor da falta de persoal); a dotar ao PAC dunha segunda equipa; a impulsar a hospitalización no fogar (HADO) en Chantada, sendo con Quiroga as últimas comarcas da provincia sen este servizo; a solicitar o vado do aparcadoiro e a arranxar a porta do aparcadoiro do centro de saúde; ao cese da política de desmantelamento e feche de servizos do hospital comarcal de Monforte, dotándoo do persoal necesario en cada categoría e contratando as/os especialistas necesarios; a publicar as listaxes de espera ocultas non estruturais acometendo un plano de redución das listaxes de agarda e tempos de demora; e a desenvolver os instrumentos de participación social na sanidade, pondo en marcha o Consello de Saúde da Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria”.
Se ben as prazas de especialidades concretas a cubrir que refería de xeito específico a moción inicial eran as demandadas por persoal sanitario e sindicatos, estima Fente que a súa concreción “era unha cuestión menos importante que conseguir o apoio de toda a corporación e o conseguinte reforzo destas demandas ante a Xunta de Galicia. A emenda do Partido Popular era asumible e non mudaba o groso da moción, polo que non dubidamos en aceptala se con iso saía adiante. A democracia tamén é ceder no cativo para chegar a acordos no importante”, sinalou o voceiro.