Acondiciónase a escola de Torbeo para albergar o futuro CIRS
O concello de Ribas de Sil vén de realizar obras de acondicionamento no interior da escola de Torbeo coa idea de que o vindeiro ano, sexa o lugar que acolla o Centro de Interpretación do Río Sil.
As obras que van por bo camiño, consisten principalmente no lixado e vernizado de toda a carpintería exterior, no cambio da instalación eléctrica e das luminarias, na instalación dun novo chan de tarima para a planta alta, no pintado das paredes, na creación de baños adaptados, no cambio das portas interiores e na colocación dunha nova escaleira de madeira con chanzos abertos para dar máis sensación de amplitude ao espazo.
Paralelamente, o concello de Ribas de Sil, está a traballar tamén nos contidos do centro contando para elo coa dirección e a inestimable axuda do profesor Augusto Pérez Alberti, catedrático de xeografía física Ad honorem da USC, e membro destacado do comité científico do Xeoparque Montañas do Courel.
Escola de Torbeo
Inicialmente a escola parroquial de Torbeo intentouse converter nun albergue pero a proposta non saíu adiante polo que na actualidade, o obxectivo é que albergue a sede do Centro de Interpretación do Río Sil.
Este edificio que foi rehabilitado parcialmente entre os anos 2006 e 2007 por un obradoiro de emprego, terá agora un novo uso grazas a un orzamento de máis de 28.000 eur que conseguiu o concello para proceder á súa completa rehabilitación.