Achégate ás montañas do Courel da man da asociación Coureleando
Esta asociación cuxas raíces están no municipio do Courel, realiza a vindeira fin de semana do 12 e 13 de novembro unha ruta polas montañas do Courel.
Especializados en rutas e actividades nas montañas de Courel, posúen formación deportiva e ofrecen a tódolos participantes aventuras e moitas cousas máis. A súa casa está no Courel pero móvense por toda Galicia e tódalas montañas da Penísula Ibérica.
O roteiro que propoñen desde Coureleando ten dúas versións: unha suave e outra un pouco máis complicada que son perfectamente compatibles. O que escolla a versión completa, comezará antes o percorrido e no medio xuntarase co resto de compañeiros e compañeiras que prefiran un día máis relaxado.
A versión suave da ruta terá lugar o sábado e comezará no Alto do Couto, polo que se aforrarán 4 quilómetros e máis de 500 metros de desnivel positivo realizando un percorrido total de 10 quilómetros cun único desnivel positivo de 380 metros.
En cambio os que realicen a ruta máis dura, deberán percorrer un total de 14 quilómetros cun desnivel positivo de 900 metros. A saída terá lugar da localidade de Moreda, subirase polas casetas de Moreda ata o Alto do Couto e de aí entrarase na Devesa da Rogueira ata a Fonte do Cervo. Continuarase ata a base do monte Formigueiros onde se explicará o glaciarismo do Courel e de aí subirase pola pista ó altiño das Papoulas baixando cara á Campa da Lucenza e de novo marcharase pola Devesa da Rogueira ata chegar de novo á Moreda.
Participar nunha destas rutas ten un custo de 15 euros e se se acode ás dúas, o prezo sería de 25. As inscricións aínda están abertas e pódense realizar no seu perfil de Facebook, a través do correo electrónico info@coureleando.com ou no teléfono móvil 606 642 337 (Iván).
O material necesario para os roteiros é unha mochila con auga, un bocadillo, gorro e gafas de sol, crema solar, botas ou zapatillas de montaña, un chuvasqueiro se fora preciso e algo de abrigo para as paradas. Tamén é recomendable levar un bastón de trekking.