Achegan a música de raíz a nenas e nenos das comarcas do sur e da montaña
Dezasete centros educativos acollen representacións didácticas nas que se fai un percorrido pola historia dos instrumentos e dos xéneros musicais.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo levará a dezasete centros educativos das comarcas do sur e da montaña as representacións didácticas Música de raíz, na que as nenas e nenos poderán achegarse á variedade instrumental e cultural da musica tradicional da man do gaiteiro, artesán e investigador da cultura tradicional Xavier Blanco.
A área de Cultura impulsa estas sesións que se iniciaron a pasada semana nos colexios de Triacastela e Samos, e que continuarán nas vindeiras semanas no CEIP Uxío Noveneyra de Folgoso do Courel (28 de abril), o CEIP Pobra de Brollón (2 de maio), CEIP Virxe do Carme de Sober (3 de maio), CEIP Xosé Luis Taboada de Carballedo e CEIP Eloisa Ribadulla de Chantada (5 de maio), CPI Dr. López Suárez do Saviñao (8 de maio), CEIP Monterroso (15 de maio), CEIP Monte Baliño de Pantón (22 de maio), CEIP Antas de Ulla e CEIP Palas de Rei (23 de maio), CEIP Rosalía de Castro de Bóveda (24 de maio), CEIP A Gándara e CEIP Monforte (25 de maio), CEIP San Clodio de Ribas de Sil e CEIP de Quiroga (29 de maio).
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “se dá continuidade a unha iniciativa que puxemos en marcha o pasado ano, cunha gran acollida por parte dos centros de ensino” e valorou “o dinamismo das sesións nas que se presentan os instrumentos e ritmos tradicionais como a raíz e a fonte de inspiración da música actual”.
Descrición da actividade
As sesións céntranse na demostración práctica da riqueza e variedade instrumental e cultural da música de raíz. Dun xeito activo e participativo, Xavier Blanco realiza un percorrido pola historia da música de raíz, desde os instrumentos primixenios, confeccionados con elementos da natureza (asubios, chamos, cordeiras,...) ata os instrumentos propios da música tradicional (gaita, pandeireta, zanfona, …). Acompaña ese percorrido dun repertorio que amosa a evolución dos xéneros musicais, desde a muiñeira antiga ata o paso redondo e o trastrás.
As sesións teñen unha duración de 90 minutos e están estructuradas en 3 partes:
1.- Instrumentos da memoria
Instrumentos primixenios confeccionados con elementos que se atopan virxes na natureza: asubíos, chamos, cantores, toques e pequenas percusións e cordeiras.
2.- Instrumentos pobres
Útiles relacionados cos traballos e labores cos cales xa os nosos antepasados, especialmente as clases máis humildes, facían música. Se nun principio parece que a súa función musical estaba destinada a acompañar o ritmo do traballo para facelo máis levadeiro, a súa denominación indica máis ben que eran moi empregados no eido das clases máis humildes. Como a falla de recursos económicos imposibilitaba moitas veces facerse con instrumentos convencionais, había quen botaba man deles para satisfacer as súas necesidades musicais. Trátase así de instrumentos confreccionados con elementos domésticos (muíño de café, culleres, cuncas, tíxola, vasoiras, cántaro), con ferramentas do campo ( legóns, fouce, guadaña, angazos, forquillas) e cos oficios (serra, tesoira, caxato, martelo e cincel, incre, peneira, cestas,).
3.- Instrumentos comúns
Representan actualmente a nosa música tradicional: vento (gaita, requinta, flautín e pito), percusión (tambor, bombo, pandeiro, pandeireta) e corda (zanfona).
Xavier Blanco
Mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional, Xavier Blanco dedicou a súa traxectoria profesional e artística á recollida, catalogación e difusión de todo tipo de documentación relacionada coa nosa cultura tradicional, configurando un amplo arquivo sonoro, con pezas trasmitidas de xeneración en xeneración e unha colección de máis de 900 instrumentos tradicionais galegos, clasificados seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais. Ao abeiro da Fundación Legar, que promove xunto a Martina Ferradás, traballa nun proxecto para crear en Seara, no concello de Quiroga, un museo que acolla este patrimonio cultural.