Acción contra a Fame organiza unha xuntanza en Chantada

O vindeiro 29 de xaneiro Acción contra a Fame organiza a xuntanza “Comunicar para atraer: Difusión de produtos turísticos” centrada na comunicación e difusión de produtos aplicando unha mirada conxunta de destino turístico. A reunión enmárcase no proxecto Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible, financiado polo Fondo Social Europeo e a Fundación MAPFRE.
A actividade celebrarase no Auditorio Municipal de Chantada e dará comezo ás 16:30 horas. Estará presente, como convidada, Eva González, Coordinadora do GDR-10 Limia-Arnoia, que falará das accións centradas na promoción e posicionamento de destinos turísticos que desenvolven na actualidade no seu territorio.
O eixo central da reunión será a realización de dinámicas grupais e participativas, deseñadas para fomentar a creación de sinerxías no ámbito do turismo. Co acompañamento de Dani Diéguez, estas actividades estarán enfocadas no deseño de estratexias conxuntas para a comunicación e difusión coordinada de produtos turísticos, co obxectivo de unir esforzos e maximizar o impacto na promoción do destino.
Acción contra a Fame chama a participar a aquelas persoas empresarias, emprendedoras ou a calquera interesado en fortalecer o atractivo do destino turístico a través dunha estratexia conxunta.