O vindeiro domingo 16 de novembro, as paisaxes da Ribeira Sacra chantadina volverán acoller a Andaina Solidaria “Chantada contra o Cancro”, unha cita xa consolidada no calendario local e galego que acada este ano a súa quinta edición.
Organizada pola asociación Chantada contra o Cancro, a actividade combina deporte, natureza e compromiso social. O percorrido partirá da Adega Condado de Sequeiras e ten como obxectivo non só recadar fondos, senón tamén promover hábitos de vida saudables e o contacto coa natureza nun entorno de gran valor paisaxístico como é a Ribeira Sacra. Ademais, trátase dunha iniciativa colectiva que fomenta a convivencia e reforza os lazos entre as persoas participantes, unidas por unha causa común: a loita contra o cancro.
A marcha comezará ás 10:00 horas, coa saída de autobuses desde a Praza de Galicia a partir das 9:15 horas. As inscricións poden realizarse a través da páxina web ccnorte.com ou de maneira presencial nos establecementos Mar e Bellota, Hotel Mogay e Número 13. Estarán abertas ata o 13 de novembro, cun prezo simbólico de cinco euros.
O evento contará con tres percorridos adaptados a distintos niveis de dificultade, con rutas de 6, 10 e 20 quilómetros. En edicións anteriores, a andaina reuniu a numerosas persoas participantes, tanto de Chantada e da súa contorna como doutros puntos de Galicia, atraídas polo carácter solidario da iniciativa e pola singularidade da súa paisaxe.
Con esta quinta edición, a Andaina Solidaria “Chantada contra o Cancro” consolídase como unha proposta que combina deporte, natureza e sensibilización social, reafirmándose como un exemplo de participación cidadá e compromiso solidario.
						