Abre un novo prazo para solicitar as axudas da Deputación á ganadería extensiva O que non arde

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria de axudas á gandería extensiva O que non arde, que poderán solicitarse do 2 ao 29 de setembro. O programa, que conta cun orzamento de 385.000 euros -o triplo que na última edición-, diríxense a ganderías de gando cabalar, ovino, cabrún e porcino, que poderán solicitar axudas para financiar investimentos e gastos relacionados co manexo e a alimentación do gando en extensivo.
Concretamente, contémplase a subvención da compra de pastores eléctricos e accesorios para o seu funcionamento como baterías ou placas fotovoltaicas, a compra e o mantemento de valados móbiles de malla electrificada, de valados fixos electrificados, de colares intelixentes para a monitorización da actividade animal, de refuxios, de pasos canadenses e doutros elementos para silvopastoreo como cepos, curros, mangas, comedeiros e bebedeiros ou pasos canadenses. Ademais, as ganderías poderán financiar gastos complementarios como rozas puntuais para a instalación de sistemas de protección ou a subscrición a aplicacións de monitarización intelixente.
As axudas, en réxime de concorrencia competitiva, poderán chegar a un máximo de 6.000 euros ou 12.000, no caso de solicitudes que inclúan pasos canadenses ou colares intelixentes. Na valoración das solicitudes aplicaranse os criterios establecidos nas bases, que priman o silvopastoreo con animais de razas autóctonas, a condición de explotación prioritaria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REGA), a situación dalgunha das parcelas nas que se desenvolve a actividade en zona de montaña, a pertenza a asociacións de produtores gandeiros ou a titularidade feminina das ganderías, entre outros criterios
O deputado de Rural Daniel García explicou que “seguimos reforzando un programa que se puxo en marcha en 2020 para contribuír ao aproveitamento e á xestión integral do monte e que se consolidou nestes anos como un instrumento de apoio á gandería extensiva, un modelo produtivo que fixa poboación no territorio, que conserva o medio natural e que, como se demostrou unha vez máis na tráxica vaga de incendios deste verán, actúa como barreira eficaz contra os lumes”
O responsable provincial detallou que “o programa foi incorporando medidas demandadas por ganderías e por colectivos e profesionais que traballan no rural, tratando de proporcionar un apoio efectivo e real a quen están día a día no territorio”. Nesa liña, explicou que “a ampliación de orzamento permite abrir a convocatoria ás ganderías de cabalar, animais moi eficaces na redución de biomasa, e colaborar no financiamento de elementos custosos como os colares intelixentes, que utilizan a tecnoloxía para facilitar o control do gando no monte”
As bases da convocatoria e os modelos de solicitude están dispoñibles na web da Deputación de Lugo, no apartado de Subvencións Concorrencia Competitiva en Medio Rural.
Nova edición dun programa pioneiro
A área de Rural puxo en marcha o programa O que non arde en 2020, cunha primeira edición centrada na xestión do monte, na que se financiou a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes. Beneficiáronse da convocatoria 18 comuneiros a título particular e 7 CMVMC, de Castroverde, Sarria, Ourol, Abadín, Friol, Mondoñedo, Viveiro.
Nas tres últimas edicións, 2022,2023 e 2024, as axudas orientáronse a gandería de cabrún, ovino e porcino, apoiando o desenvolvemento desta actividade con financiamento para investimentos necesarios para o manexo do gando en extensivo. Concedéronse 80 axudas a ganderías das distintas comarcas.
Tendo en conta a contía orzamentada para a convocatoria deste ano, a área de Rural suma un total de 745.000 euros destinados ao programa O que non arde, que conta con recoñecemento de diferentes entidades e foros estatais -WWF Adena ou Territorios Pastoreados- como iniciativa institucional de apoio á gandería extensiva.