Abre o prazo para solicitar un posto no Mercado de Nadal de Monforte

O Concello de Monforte de Lemos anuncia a apertura do prazo para solicitar un posto de venda no Mercado de Nadal 2025, que se celebrará na Praza de Abastos durante a fin de semana do 20 e 21 de decembro.
A Xunta de Goberno aprobou este luns as bases da convocatoria, dirixida a artesáns, produtores e comerciantes que ofrezan produtos ou creacións relacionadas co Nadal, como agasallos, xoguetes, complementos ou alimentación. O mercado contará cun máximo de 16 postos de venda e as solicitudes poderán presentarse desde este martes, 11 de novembro, ata o 10 de decembro, tanto no Rexistro Xeral do Concello como a través da sede electrónica ou por correo electrónico no enderezo emprego_pe@concellodemonforte.com.
O obxectivo principal do Mercado de Nadal, explica o alcalde, José Tomé Roca, “é fomentar as compras propias das festas nas tendas da nosa localidade, apoiando así o noso comercio de proximidade”. Nesa liña, sinnala que a iniciativa “combinarase con diversas actividades culturais e musicais de entretemento nun ambiente cargado de espírito navideño, tal e como se ven facendo nos últimos anos”.
Tomé destacou ademais que o mercado supón “unha oportunidade para que as empresas dean a coñecer os seus produtos e para dinamizar o comercio local”, consolidando a Praza de Abastos como un espazo de encontro e lecer para todos os públicos durante as datas do Nadal.
O Concello anunciará proximamente o programa completo de actividades, que acompañará esta cita xa tradicional no calendario festivo monfortino.