Abre o prazo para presentarse aos concursos convocados pola XXI Feira Medieval de Monforte de Lemos

O Concello de Monforte destina este ano un total de 3.200 euros en premios para estas convocatorias, o que supón un aumento do 60% respecto a edicións anteriores.
Como en anos anteriores, o obxectivo desta convocatoria é dinamizar e potenciar a participación na Feira Medieval, animando tanto aos establecementos como aos veciños a engalanar a cidade para a celebración.
Tras pechar o prazo de solicitude para participar no Concurso de Axudas para a Confección de Traxes Medievais, así como nos postos de alimentación, artesanía e comercio, o Concello convoca novamente estes tres concursos, buscando implicar tanto a veciños como a visitantes para que sexan protagonistas activos da Feira Medieval.
Os concursos convocados este ano son o X Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros, o IX Concurso de Decoración de Balcóns e o XII Concurso de Traxes Medievais. O prazo para presentar a solicitude de participación nestes concursos abre este luns 31 de marzo, e a data límite para anotarse será o 15 de abril de 2025 no Rexistro Xeral do Concello de Monforte.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, subliñou que a colaboración cidadá é fundamental para o éxito do evento e quixo convidar unha vez máis a todos os monfortinos a participar nos concursos, ademais de agradecerlles o traballo que realizan decorando os negocios e as vivendas, así como o esforzo de vestirse de época, imprescindible para crear a atmosfera medieval nas rúas. Por este motivo, o Equipo de Goberno fai un esforzo orzamentario incrementando os premios nun 60%.