Abre o prazo do concurso para elixir o cartel oficial da XLIII Feira do Viño de Quiroga
O Concello de Quiroga vén de convocar o concurso de deseño para escoller o cartel anunciador da XLIII Feira do Viño de Quiroga. Este certame, aberto a todas as persoas maiores de 18 anos, busca deseños orixinais e exclusivos que representen a esencia da feira e os valores do municipio.
O tema central dos carteis presentados debe ser a Feira do Viño de Quiroga, destacando a súa tradición vinícola, así como elementos representativos do concello, como a súa paisaxe, os viñedos, a arquitectura ou as festividades. O deseño deberá ser orixinal e inédito, con orientación vertical e presentado en formato físico, impreso en alta calidade nun tamaño A3. Ademais, o cartel terá que incluír o texto "XLIII Feira do Viño de Quiroga" e ser facilmente adaptable para a impresión, a difusión en diversos medios e a incorporación de logotipos oficiais, así como a frase “Quiroga, Concello de interese turístico”, que será engadida posteriormente pola imprenta.
Non se permitirá a inclusión de contido político, discriminatorio nin de ningún tipo de carácter xenófobo, homófobo ou ofensivo, así como tampouco o uso de intelixencia artificial para a creación do deseño.
Os deseños deberán entregarse nun sobre pechado, no que se incluirán o cartel impreso, un documento explicativo sobre a inspiración e os conceptos principais do deseño, e outro sobre pechado cos datos persoais do participante, como o nome completo, dirección, teléfono, correo electrónico e o título da obra. As obras deben ser rexistradas e entregadas no Rexistro do Concello de Quiroga entre o 27 de xaneiro e o 28 de febreiro, en horario de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas.
O cartel gañador será empregado como imaxe oficial da XLIII Feira do Viño de Quiroga e recibirá un premio de 450 euros, un diploma acreditativo e unha botella de viño de cada unha das adegas participantes na feira deste ano. O autor ou autora seleccionada deberá ceder unha copia dixital da obra ao Concello cunha resolución mínima de 300 píxeles por polgada, nos formatos PDF, PNG, JPG ou TIFF.
O xurado terá en conta criterios como a orixinalidade e creatividade, a capacidade do deseño para representar a temática do concurso, a calidade técnica e estética e a súa adaptabilidade para a difusión en distintos medios.
Con esta convocatoria, o Concello de Quiroga aposta por fomentar a creatividade e a promoción da cultura local, poñendo en valor a importancia histórica, económica e cultural da súa Feira do Viño, unha das celebracións máis destacadas da comarca.