As persoas interesadas xa poden apuntarse nos Cursos de Verán de Música e Danza de Monforte

RibeiraSacraXa
Organízanse no Conservatorio de Música Municipal Mestre Ibáñez dende o mércores 12 de xuño e ata o 22 de agosto
cursos-verán-danza-e-música-Monforte
15 Xuño 2024

O alcalde de Monforte informa da apertura do prazo de matrícula para os Cursos de Verán de Música e Danza que se organizan no Conservatorio de Música Municipal Mestre Ibáñez, e que é dende o mércores 12 de xuño e ata o 22 de agosto.

Ao igual que nas pasadas edicións, os cursos vanse desenvolver en diversas semanas tanto no mes de xullo coma no de agosto, algo que en anteriores anos so se celebraba no mes de agosto.

Neste senso, o rexedor, José Tomé Roca, sinala que “dende o Equipo de Goberno do Concello decidimos manter a celebración destes cursos nos meses de xullo e de agosto, motivados polas necesidades de conciliación familiar dos monfortinos e monfortinas así como para que nenos e nenas poidan disfrutar dunhas vacacións activas practicando, como é neste caso, actividades tanto lúdicas coma formativas relacionadas coa danza e a música”.

Matrícula nos Cursos de verán de danza e música en Monforte

O prezo dos cursos de verán de danza e música, que se desenvolverán no Conservatorio Municipal “Mestre Ibañez” será, para todos os casos, de 25 euros, e neste prezo inclúese que os alumnos e alumnas poderán elixir ata un máximo de dúas materias, de música, danza ou ambas.

Do mesmo xeito, poderán participar en máis materias cubrindo outra solicitude. O nivel das diferentes materias será de iniciación ou avanzado.

Cada materia terá unha duración dunha hora que se elixirá no momento da inscrición O prazo de inscrición abre dende o 12 de xuño ao 22 de agosto de 2024, sempre previo ás datas específicas de celebración dos distintos cursos.

A inscrición realizarase na ventanilla da oficina de Rexistro do Concello de Monforte en horario de mañá, aportando a solicitude debidamente cuberta e reservando no momento da inscrición a praza concreta co seu horario específico e en rigorosa orde de chegada.

No caso de realizar a inscrición na sede Sede Electrónica (monfortedelemos.es), asignarase a data específica do curso á espera de confirmación da praza e horario por parte do Concello e despois da confirmación da praza, enviarase o extracto da taxa debidamente pagada por autoliquidación ao correo: cursos.musicaedanza@concellodemonforte.com.

As materias de música estarán dirixidas a alumnos e alumnas a partir de 6 anos de idade e constará de obradoiros de práctica instrumental de especialidades como, guitarra, violín, piano, saxofón, clarinete, frauta doce, frauta travesa, trompeta, trombón, gaita, percusión moderna (batería) e percusión tradicional galega (pandeireta, pandeiro, tambor..).

En piano será preciso traer auriculares, así como un xogo de pinturas nos alumnos e alumnas de ata 9 anos. En percusión moderna será preciso que o alumno aporte un par de baquetas modelo 5A e unha pelota de tenis.

Polo que respecta á danza, estará dirixida tanto a nenos e nenas como a xoves en xeral a partir de 6 anos. Formaranse distintos obradoiros por idades en danza tradicional galega, moderna e clásica.

0.19132304191589