Abre o prazo de inscrición para a ‘XV Carreira Popular Concello de Monforte 2024’

Monforte anuncia a apertura do prazo de inscrición para a “XV Carreira Popular Concello de Monforte 2024”, que terá lugar o domingo 27 de abril de 2025, tal e como adiantara hai uns días o rexedor monfortino.
Trátase da 15ª edición deste xa tradicional evento deportivo na cidade, e neste senso, o alcalde, José Tomé Roca, destacou que “seguimos adiante coa organización dun dos eventos deportivos máis importantes do noso Concello, e para iso, todas as persoas interesadas en inscribirse na 15ª edición desta carreira xa o poden facer, de xeito totalmente gratuíto, a través da páxina web www.monforte10k.com ou da plataforma de inscricións www.ccnorte.com”.
O evento, organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Deportes, contará cun percorrido de 10 km para a carreira absoluta, completamente urbano e que transcorrerá polas rúas máis céntricas da cidade, así como percorridos adaptados para as carreiras de categorías menores, con diferentes distancias en función da idade das persoas participantes.
O circuíto da carreira absoluta será de cinco quilómetros, polo que os corredores deberán completar dúas voltas. A saída estará situada na Praza da Compañía e o itinerario continuará por Paseo de Lugo, Carude, San Lázaro, Reboredo, Dalmiro da Válgoma, Escultor Francisco Moure, Rúa Sarria, Avenida de Galicia, Rúa Hortas, Rúa Dr. Casares, Paseo do Malecón, Ponte Vella, Rúa Antonio Méndez Casal, Praza Campo de San Antón, Rúa Ourense, Avenida de Galicia, Rúa Cardeal, Escultor Francisco Moure e, finalmente, regresará á Praza da Compañía.
Todas as carreiras, incluídas as de categorías infantís, contarán con cronometraxe mediante chip, excepto a categoría mini, que non é competitiva. En canto aos premios, os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo conmemorativo, excepto na categoría mini, na que todas as persoas participantes que crucen a meta recibirán unha medalla e unha bolsa de lambonadas. Na clasificación xeral da carreira absoluta, os tres primeiros clasificados recibirán trofeo e premios económicos: 300 euros para os gañadores masculino e feminino, 200 euros para os segundos e 100 euros para os terceiros. Ademais, outorgarase un premio especial con trofeo e agasallo para os tres primeiros corredores locais empadroados en Monforte.
Tamén haberá premios para os equipos, recoñecendo aos tres mellores conxuntos na clasificación da carreira absoluta. Para optar a esta categoría, os equipos deberán ser mixtos, cun 50% de homes e 50% de mulleres, e estar formados por un mínimo de catro integrantes (dous homes e dúas mulleres) e un máximo de seis (tres homes e tres mulleres).
Todas as persoas participantes recibirán avituallamento sólido e líquido ao rematar a proba, así como un agasallo conmemorativo do evento. Para facilitar a participación do alumnado dos colexios de Monforte, os centros educativos poderán realizar inscricións colectivas ata o martes 15 de abril, e o Concello entregará os dorsais con antelación aos propios colexios.
Para evitar aglomeracións o día da proba, a recollida de dorsais para as inscricións individuais realizarase por adiantado en varios puntos. En Monforte, estarán dispoñibles na Oficina Municipal de Deportes (Casiñas da Compañía) o venres 25 de abril en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e o sábado 26 de abril de 9.00 a 14.00 horas. Ademais, habilitaranse puntos de recollida nas catro provincias galegas para facilitar o acceso ás persoas participantes que residan fóra de Monforte. Como alternativa, poderase solicitar o envío do dorsal a domicilio indicando a opción correspondente durante o proceso de inscrición.
Con esta nova edición, o Concello de Monforte reforza a súa aposta polo deporte e a promoción de hábitos saudables entre a cidadanía, consolidando a Carreira Popular como unha cita imprescindible no calendario atlético galego.