Abre a exposición sobre os 40 anos do Parlamento de Galicia
O presidente do Parlamento recorda que grazas á autonomía, a Comunidade conta arestora con tres universidades e sete campus, como o de Lugo, “punteiro, especializado e motor de progreso” e servizos públicos de calidade, como o hospital público Lucus Augusti “motivo de orgullo para o lucenses e para toda Galicia”.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu en Lugo o acto de inauguración da mostra O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021, que permanecerá aberta ao público na sede luguesa de Afundación ata o próximo 8 de outubro.
A mostra fai un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración da autonomía galega.
Para o titular do Lexislativo galego, incluír a Lugo no percorrido desta exposición “é unha obriga”, dado que “cada unha das provincias e das cidades de Galicia son parte fundamental da Comunidade Autónoma e, por tanto, partícipes de pleno dereito do proceso autonómico que comezou paseniñamente e, catro décadas despois, está consolidado como un modelo viable e eficaz para xestionar os diferentes retos aos que nos enfrontamos cada día”.
En opinión de Santalices, “nin a economía, nin a cultura nin a historia de Galicia se entenden sen as achegas desta cidade e desta provincia, achegas que nos remontan ao pasado, nomeadamente a Lucus Augusti, na Gallaecia romana”.
Argumentou que “vir a Lugo” con esta exposición, “é tamén un xeito de render tributo a todos os lucenses de ben que contribuíron, co seu esforzo, á construción da autonomía de Galicia”. Entre esas persoas, Santalices citou expresamente a Antonio Rosón, primeiro presidente da Xunta preautonómica e primeiro presidente do Parlamento de Galicia, “ao que non sempre se lle recoñeceron, como se debería, os servizos prestados a Galicia, á súa autonomía e á recuperación e consolidación da democracia”.
Froitos da autonomía
Recordou o presidente do Parlamento que ao longo destas catro décadas de autonomía, esta foi medrado en aceptación popular, máis tamén, e sobre todo, en froitos concretos, “malia que non sempre nos decatemos delo”.
Como exemplos, apuntou que Galicia conta arestora con tres universidades e sete campus, como o de Lugo, “punteiro, especializado e motor de progreso” e servizos públicos de calidade, como o hospital público Lucus Augusti “que é motivo de orgullo para o lucenses e para toda Galicia”.
O presidente da Cámara galega amosou o seu agradecemento a Afundación -representada no acto pola coordinadora da área de Cultura, Marité Cores- por acoller esta exposición, como ten feito previamente noutros lugares con actividades organizadas polo Parlamento. Expresou tamén a vocación de itinerancia desta mostra, programada para visitar as diferentes cidades galegas. De forma paralela, editarase un libro que fará repaso ás catro décadas de historia autonómica de Galicia.
A autonomía, unha historia de éxito colectivo
Na súa intervención, Santalices sinalou que estes 40 anos de autonomía son unha historia de éxito colectivo, que se traducen nunha comunidade próspera, cunha elevada calidade de vida e uns servizos públicos satisfactorios; orgullosa de si mesma e os seus sinais de identidade; plenamente integrada na España constitucional e democrática; plenamente inserida, de feito e por dereito, nunha Europa que volve estar á altura das circunstancias, como xa o estivo desde os inicios da pandemia; e orgullosa dos seus vínculos coa Galicia da emigración e co mundo da lusofonía.
Para o presidente do Lexislativo galego, boa parte dos avances postos a disposición das galegas e galegos nas últimas décadas son consecuencia directa da autonomía política que Galicia exerce con responsabilidade desde hai 40 anos, co Parlamento como primeira institución. Deste modo, recordou que nada de canto acontece en Galicia resulta alleo ao seu Parlamento.
Santalices insistiu na importancia do Parlamento como eixe da vida política e recordou que “pode haber goberno sen Parlamento, pero non pode haber democracia sen Parlamento”.
Reforzar o contacto coa xente
Xustificou Santalices a importancia desta mostra, polo elevado descoñecemento que rodea á primeira institución de Galicia, o que obriga a potenciar o contacto coa xente a través dun amplo abano de medidas nas que se integra esta exposición, xunto a outras como as visitas escolares do Parlamento, as ferramentas de participación cidadá ou a programación cultural da Cámara.
A mostra inaugurada esta tarde en Lugo , concibida para rememorar as catro décadas de vida do Parlamento de Galicia, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.