Aberto o prazo de inscrición para os Cursos de Verán de Música e Danza en Monforte

O Concello de Monforte abriu este xoves o prazo de inscrición para os Cursos de Verán de Música e Danza, organizados polo Conservatorio Municipal “Mestre Ibáñez”. O período de matrícula permanecerá aberto ata o 22 de agosto.
Segundo indicou o alcalde, José Tomé Roca, os cursos desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto, como en edicións anteriores. “Desde o equipo de goberno decidimos manter esta proposta durante o verán, como medida de apoio á conciliación familiar e para que nenos e nenas poidan desfrutar duns períodos vacacionais activos, combinando actividades lúdicas e formativas”, sinalou.
A matrícula ten un custo de 25 euros, e inclúe a posibilidade de elixir ata dúas materias entre música e danza. As persoas interesadas poderán inscribirse en máis materias presentando solicitudes adicionais.
Os cursos inclúen especialidades como violín, piano, guitarra, saxofón, clarinete, frauta (travesa e doce), trompeta, trombón, gaita, percusión moderna (batería) e percusión tradicional galega (pandeireta, tambor, etc.), ademais de linguaxe musical e canto.
Entre o material requirido, solicítase que o alumnado de piano leve auriculares e un estoxo de pinturas (ata 9 anos), e no caso da percusión moderna, un par de baquetas modelo 5A e unha pelota de tenis.
Ademais, ofértanse obradoiros de danza tradicional galega (do 4 ao 8 de agosto), danza moderna e ballet clásico (ambos do 18 ao 22 de agosto). As persoas participantes deberán levar o seu propio calzado: deportivas para danza moderna e tradicional, e zapatillas de media punta para ballet.