Aberto o prazo para solicitar as axudas a libros e material escolar en Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou este sábado 28 de maio as bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2022/2023 do Concello de Monforte de Lemos.
Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 25.000 euros, “que son 5.000 euros máis que o pasado ano, co obxectivo de apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda, especialmente nun momento no que seguimos inmersos na crise da Covid-19”, destaca o alcalde.
ATA O 28 DE XUÑO
Deste xeito, xa se poden solicitar estas axudas, para o cal os e as interesadas terán de prazo ata o martes 28 de xuño (20 días hábiles). A solicitude formalizarase a través do correspondente formulario normalizado, que terá que ir acompañado da documentación complementaria que requiren as bases. Toda a documentación requirida poderá ser presentada no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos emprazado na secretaría do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón s/n, no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio s/n, ou a través da Sede Electrónica municipal (www.sede.monfortedelemos.es).
Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2022/2023 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
REQUISITOS
Para ser beneficiario/a desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes:
- Ser pai, nai, titor/a ou persoa encargada da garda e custodia do alumno/a que no ano escolar da convocatoria correspondente vaian a cursar estudos nas etapas educativas de ensinanza indicadas nesta convocatoria, en calquera centro docente, público ou concertado, do Concello de Monforte de Lemos.
- Que a renda per cápita da unidade familiar non supere o 55% IPREM para o ano 2022 (318,46 euros/mes) en cómputo anual (3.821,52 euros ano por persoa). Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase polo número de membros da dita unidade como a continuación se especifica:
Nº membros unidade familiar | Ingresos netos mensuais | Ingresos anuais |
2 | 636,92 | 7.643,04 |
3 | 955,38 | 11.464,56 |
4 | 1.273,84 | 15.286,08 |
5 | 1.592,3 | 19.107,6 |
Non se computarán os ingresos seguintes:
- Prestación familiar por fillo menor a cargo da Seguridade social.
- Prestacións económicas en aplicación da lei de dependencia.
- A axuda económica para vítimas de violencia de xénero regulada no RD 1452/2005, de 2 de decembro.
- Que a persoa solicitante así como os e as menores beneficiarios da mesma, se atopen empadroados e residan efectivamente no Concello de Monforte de Lemos no momento de presentación da solicitude.
- Que a persoa solicitante estea ó día no pago das obrigas tributarias municipais ou no caso de ter débedas que exista compromiso de pagamento.
- Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia e no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
AXUDAS
A contía máxima das axudas é a seguinte:
- 150 euros para Educación Infantil por cada alumno/a.
- 100 euros para Educación Primaria e por cada alumno/a.
- 120 euros para Educación Secundaria Obrigatoria por alumno/a.
- 150 euros para alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade superior ou igual ó 65% .
INGRESOS FAMILIARES
Ós efectos destas bases reguladoras, enténdese por renda per cápita familiar a resultante de dividir a renda da unidade familiar do exercizo fiscal 2020 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade superior ou igual ó 33% ou a percepción dunha pensión da Seguridade social por incapacidade permanente ou a equivalente en clases pasivas.
A renda familiar obterase por agregación das rendas de cada un dos membros computables que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade familiar que presentasen a declaración do imposto sobre a renda de 2020, para os efectos dos cálculo da renda familiar sumarán os recadros base impoñible xeral (recadro 432) e a base impoñible de aforro (recadro 460) da declaración.
No caso de non presentar declaración do imposto sobre a renda de 2020 teranse en conta os ingresos netos mensuais de todos os membros computables da unidade familiar segundo o establecido na base 8ª.
Non obstante, cando as circunstancias económicas actuáis non sexan coincidentes coa contía do IRPF, teranse en conta estas últimas, sempre que se xustifiquen documentalmente e conste no expediente os motivos da variación (Anexo III), tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo, segundo o establecido na base 8ª.
Na páxina web do Concello, na sección de Axudas, está toda a documentación dispoñible para formalizar a solicitude desta subvención municipal. http://www.monfortedelemos.es/gl/axudas/