Aberto o prazo para participar na Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño

Durante as fins de semana de maio celébrase a Primavera de Portas Abertas nas Rutas do Viño de Galicia. Na Ruta do Viño da Ribeira Sacra as actividades desenvolveranse entre o 23 e o 25 de maio. Contarase con visitas guiadas e gratuítas ás adegas: Adega Vella, Amedo, Bodega Proencia, Bodega Ribada, Cachín, Casa Moreiras, Rectoral de Amandi, Condado de Sequeiras, Finca Míllara, Ponte da Boga, Ronsel do Sil, Val de Quiroga e Vía Romana. Ao rematar as visitas ofreceranse degustacións de viños.
Como é habitual haberá Bus do Viño, con 4 saídas o sábado pola mañá desde a Praza de Bretaña en Lugo, a estación de ferrocarril de Ourense, a Avenida Xardíns Méndez Núñez na Coruña e na Avenida de Madrid en Vigo (Centro médico Concheiro). O domingo día 25 haberá un Bus do Viño con saída da estación de ferrocarril de Ourense, outro desde a Praza de Bretaña en Lugo e unha saída desde Santiago de Compostela (Hotel Porta do Camiño). A actividade ten un custo de 10 euros por cada adulto e 5 euros para os nenos de 3 a 13 anos. O xantar non está incluído.
Organízanse ademais rutas e actividades enoturísticas para coñecer a paisaxe, as adegas e o patrimonio da Ruta:
- 'Ouro, Aceite e Viño de Quiroga', con saída o 24 de maio ás 9.00 horas desde o aparcadoiro do Parque dos Condes de Monforte de Lemos. O prezo é de 10 euros por persoa, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade que inclúe transporte e guía acompañante para facer unha ruta de sendeirismo polo Camiño de Inverno, partindo de Montefurado e rematando no muíño de aceite. (Tramo de 6 km aproximadamente, dificultade baixa)
- 'Ruta do Románico de Sober', con saída o 24 de maio ás 9.30 horas. desde a Oficina de Turismo de Sober (Praza do Concello). A actividade é gratuíta. Os desprazamentos realizaranse en vehículos particulares, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade. Inclúe as visitas a San Xillao de Lobios, San Vicente de Pinol, Santa María de Proendos e visita con degustación na adega Proencia.
- 'Entre Auga e Viño', con saída o 24 de maio ás 17.00 horas desde o aparcadoiro do Parque dos Condes en Monforte de Lemos, Lugo. O prezo é de 10 euros por persoa, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade que inclúe transporte e guía acompañante para facer a Ruta desde o pantalán de Pincelo na lancha Quinta Sacra polo río Miño, gozando dos bancais e adegas ata chegar á zona de San Fiz para rematar no pantalán de A Míllara. Inclúe visita á adega Finca Míllara con degustación de 3 viños acompañados de uns pinchos.
- 'Viño e jazz'. O 24 de maio ás 19.00 horas celebrarase un concerto de música do grupo de jazz Gabi Triana Quintet nos arredores do embarcadoiro de Os Chancís no municipio de Sober. Durante o concerto haberá degustación de 3 viños presentados por un sumiller, mesturando os diferentes estilos, ritmos e melodías cos viños nun entorno único á beira do Sil. A actividade é gratuíta e conta cun aforo para 60 persoas.
- 'Ruta do Camiño de Inverno: Románico e Natureza', con saída o 25 de maio ás 09.30 horas desde o aparcadoiro do Parque dos Condes en Monforte de Lemos. O prezo é de 10 euros/persoa, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade que inclúe transporte e guía acompañante para visitar a igrexa románica de San Paio de Diomondi e o pazo de Diomondi, hoxe albergue de peregrinos. Faranse 3 km a pé entre Diomondi e a aldea de Belesar, entre soutos e carballeiras para coñecer os aspectos naturais, patrimoniais e etnográficos deste tramo (aprox. 3 km dificultade media)
- 'Entre Miradoiros dos Canóns do Sil', con saída o 25 de maio ás 09.30 horas. desde o aparcadoiro do Parque dos Condes en Monforte de Lemos. O prezo é de 10 euros por persoa, sendo necesario un mínimo de 10 persoas para realizar a actividade que inclúe transporte e guía acompañante para visitar o Miradoiro Pena do Castelo e o de Cadeiras, coñecer Adega Vella e degustar 7 viños con uns pinchos.
Contarase cunha actividade complementaria de cata, que terá lugar o venres, 23 de maio, no Centro do Viño da Ribeira Sacra ás 19:30 horas. A actividade é gratuíta e require dun grupo mínimo de 10 persoas:
Cata Maridaxe Viño e Flores, maio, mes no que en moitos puntos de Galicia se celebran os "Maios". Con esta proposta, a Ruta do Viño quere celebrar esa tradición presente nos seus viños e na contorna, cunha harmonía de viños e flores de tempada, buscando esa asociación do mes de maio e os matices dos seus viños.
Esta Primavera de Portas Abertas na Ruta do Viño da Ribeira Sacra conta tamén con visitas ao Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra que se farán o venres 23, sábado 24 e domingo 25 de maio, ás 12.30 e ás 18.00 horas. O Ecomuseo de Arxeriz realizará visitas nesas xornadas, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Tamén o Museo Etnográfico de Quiroga realizará visitas os tres días previa reserva. O 24 e 25 de maio, tamén previa reserva, haberá Rutas Guiadas en Segway pola Ribeira Sacra de 12.00 a 17.00 horas e Quinta Sacra ofrece paseos en barca para grupos segundo dispoñibilidade.