Aberto o prazo de inscrición para realizar o Escape Room pola igualdade de Monforte
Esta fin de semana terá lugar un Escape Room pola Igualdade en Monforte de Lemos. Trátase dunha actividade gratuíta dirixida a público en xeral, os menores de 12 anos terán que ir acompañados dunha persoa adulta.
A actividade desenvolverase no Centro Civico Social en grupos reducidos de 6 a 8 persoas. É preciso realizar a inscrición previamente no CIM, no 982416350 ou a través do correo electrónico cim@concellodemonforte.com. A inscrición realizaranse por orde de anotación ata rematar o número de prazas dispoñibles.
A ACTIVIDADE MÁIS NOVIDOSA DO PROGRAMA ARREDOR DO 8M
O Escape room é un xogo cooperativo, unha ginkana de interior no que un grupo de persoas teñen que superar probas, descifrar códigos e enigmas para abrir cadeados e maletas e saír do espazo interior.
Nesta ocasión será un Escape Room con temática de igualdade no que se propón unha viaxe ao pasado para representar a vida das mulleres e homes de mediados do século XX. Un personaxe disfrazado de mordomo presenta a mansión dos seus defuntos señores. A señora da casa era unha fervente activista polos dereitos das mulleres e fiel seguidora de Clara Campoamor na súa loita polo sufraxio universal.
Así, textos como o contrato de mestras de 1923, ou o decálogo da boa esposa e ambientación da época son a base dos códigos que as persoas participantes deben descifrar para chegar ao futuro, ao seu tempo presente.
Ao longo da actividade dentro da Sala amosaranse imaxes e obxectos que escenifican conceptos como a brecha salarial, a violencia de xénero e as redes sociais. Nesta viaxe evidénciase o conseguido ata a actualidade pero tamén a crúa realidade e o que nos queda por avanzar.
O venres 18 de marzo, realizaranse 3 sesións en horario de tarde. O sábado 19 e domingo 20 de marzo haberá horario de mañá e de tarde realizando 6 sesións cada día.
Dada a situación sanitaria pola COVID-19 tomaranse ás medidas de hixiene e sanidade tales como, redución de número de participantes, grupos pechados, aforo, uso de xel hidroalcóholico, máscaras, tempo entre grupos para desinfección e limpeza da sala.