Aberto o prazo de inscrición para a XVI Carreira Popular de Monforte

RibeiraSacraXa
A proba celebrarase o 26 de abril e as inscricións estarán abertas ata o 21 para o público en xeral e ata o 14 para os centros escolares
carreira-popular-monforte
6 Feb 2026

Este xoves ábrese o prazo de inscrición para a XVI edición da Carreira Popular do Concello de Monforte, que terá lugar o domingo 26 de abril. Trátase, segundo destaca o alcalde, José Tomé Roca, “dun dos eventos deportivos máis importantes do noso concello, que encherá de corredores e corredoras as rúas máis céntricas da cidade”.

As persoas interesadas poden facer a súa inscrición de forma gratuíta ata o próximo 21 de abril na web www.monforte10k.com. Para os centros educativos, o prazo permanecerá aberto ata o día 14 de abril.

A proba contará cunha carreira absoluta de 10.000 metros por un circuíto urbano que atravesa as principais rúas céntricas, con saída e meta na Explanada da Compañía, xunto aos Escolapios. Ademais, celebrarase catro probas para menores, con distancias de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros, adaptadas a distintas categorías de idade.

O percorrido da carreira absoluta é un circuíto de 5 km que os participantes deberán completar en dúas voltas, pasando por lugares emblemáticos como a Praza da Compañía, o Paseo de Lugo, entre outros. Todas as carreiras contarán con cronometraxe electrónico mediante chip, agás a categoría mini, que é non competitiva.

Respecto aos premios, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, salvo na categoría mini onde todos os participantes recibirán medalla e unha bolsa de lambetadas. Os tres primeiros da carreira absoluta recibirán trofeo e premios económicos de 300 euros para o primeiro clasificado e clasificada, 200 para os segundos, e 100 para os terceiros. Ademais, haberá premios especiais para os tres mellores corredores locais e trofeos para os tres mellores equipos mixtos, compostos por polo menos a metade de mulleres e a outra metade de homes.

A entrega anticipada de dorsais realizarase na Oficina Municipal de Deportes (Casiñas da Compañía) o venres 24 de abril, de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e o sábado 25 de abril, de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, haberá puntos de recollida fóra de Monforte e a opción de recibir o dorsal no domicilio, sempre que se indique o lugar durante a inscrición.

⚙ Configurar cookies
0.076982021331787