Aberto o prazo de axudas para material escolar en Monforte

RibeiraSacraXa
O Boletín Oficial de Lugo ven de publicar as bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar.
material escolar Pobra Brollón
2 Jun 2021

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo ven de publicar as bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2021/2022 do Concello de Monforte de Lemos.

Deste xeito, xa se poden solicitar as mesmas, para o cal os e as interesadas terán de prazo ata o martes 29 de xuño. A solicitude formalizarase a través do correspondente formulario normalizado, que terá que ir acompañado da documentación complementaria que requiren as bases.

Toda a documentación requirida poderá ser presentada no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos emprazado na secretaría do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón s/n, no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio s/n, ou a través da Sede Electrónica municipal (www.sede.monfortedelemos.es).

Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 20.000 euros, “que son 2.000 euros máis que o pasado ano, co obxectivo de apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda, especialmente nun momento no que seguimos inmersos na crise da Covid-19”, destaca o alcalde, José Tomé Roca.

Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2021/2022 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

Para ser beneficiario/a desta axuda é preciso cumprir os requisitos que aparecen na convocatoria na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

A contía máxima das axudas é a seguinte: 150 euros para Educación Infantil por cada alumno/a, 100 euros para Educación Primaria e por cada alumno/a, 120 euros para Educación Secundaria Obrigatoria por alumno/a e 150 euros para alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade superior ou igual ó 65% .

Na páxina web do Concello, na sección de Axudas, está toda a documentación dispoñible para formalizar a solicitude desta subvención municipal: http://www.monfortedelemos.es/gl/axudas/

0.16846394538879