Abertas as inscricións para os Campamentos de Verán de Chantada

RibeiraSacraXa
Todas as actividades son gratuítas e van desde propostas deportivas con deportes mixtos, como baloncesto, voleibol ou fútbol, a obradoiros de expresión plástica e artística para a adquisición de habilidades sociais, con lectura, teatro ou música
campamento-Chantada
Campamentos, Chantada
10 Jun 2025

A concellaría de Igualdade do Concello de Chantada programa un amplo calendario de actividades infantís para favorecer a conciliación durante o verán. Por unha banda organízanse os Campamentos de Verán, que se desenvolverán en 3 quendas desde finais de xuño e durante o mes de xullo. Estas actividades están destinadas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e desenvolveranse no colexio Xoán de Requeixo e no IES Lama das Quendas en horario de 10:00 a 14:00 horas, contando con servizo de madrugadores de 8:00 a 10:00 horas.

Para participar dos Campamentos de Verán ábrese o prazo de inscrición deste hoxe, 10 de xuño, ao 18 de xuño, debendo acudir a servizos sociais do Concello de Chantada de 9:00h a 14:00 horas. Cada ano participan destes campamentos uns 200 rapaces/zas por quincena. Todas as actividades son gratuítas e van desde propostas deportivas con deportes mixtos, como baloncesto, voleibol, fútbol, etc., a obradoiros de expresión plástica e artística para a adquisición de habilidades sociais, con lectura, teatro ou música. Prestando sempre especial atención á integración e ás temáticas inclusivas e non sexistas.

“Outro verán máis centos de nenos e nenas de Chantada poderán inscribirse nos Campamentos de Verán con actividades destinadas a potenciar a tolerancia e o respecto cara os demais, favorecendo o desenvolvemento físico e psíquico e fomentando a comunicación e a iniciativa na toma de decisións. O Concello de Chantada colabora así na conciliación da vida familiar e educativa”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

Xa en agosto, do 1 ao 14, desenvolverase na aula Cemit do Telecentro, un Campamento Dixital para nenas e nenos de entre 9 e 13 anos. As prazas están limitadas a 25 persoas e cubriranse por orde de inscrición. As inscricións faranse tamén en servizos sociais do 10 ao 18 de xuño, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Este campamento é unha iniciativa promovida por cibervoluntarios.org en colaboración co Concello de Chantada para ofrecer actividades presencias de balde en competencias dixitais para nenas, nenos e adolescentes, con propostas adaptadas a cada idade.

Xa o ano pasado se organizou este Campamento Dixital que facilita ós participantes pautas para aprender a buscar información de valor na internet ou coñecementos sobre as mellores ferramentas para crear contidos dixitais.

⚙ Configurar cookies
0.17809295654297