Aberta a convocatoria do XXVII Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2022 de Monforte
Xa está aberta a convocatoria do XXVII Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2022, co fin de escoller o cartel anunciador para o presente ano 2022 de ditas festas patronais. José Tomé Roca anuncio que “en previsión de que as circunstancias relacionadas coa crise da pandemia Covid-19 finalmente nos permitan organizar e celebrar estes festexos tan importantes para a nosa cidade”, subliñou o rexedor municipal.
Neste senso, “insistiu en que seguimos firmes no noso compromiso de volver a recuperar a normalidade fronte a Covid-19, a través da organización e realización dos eventos que conforman o noso programa anual de actividades, como é neste caso a convocatoria para o deseño do cartel das Festas Patronais deste ano 2022, calendario no que seguiremos traballando sempre que sexa posible, segundo evolucionen as circunstancias determinadas pola pandemia”.
As bases deste concurso así como a convocatoria do mesmo, foron aprobadas na Xunta de Goberno celebrada o pasado luns día 7, e o prazo para presentar os deseños orixinais ábrese ata o 3 de maio de 2022, unha vez foron publicadas as bases na web do Concello.
Aqueles interesados en concursar neste certame terán que facelo con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e o formato será libre sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía.
Os deseños deberán incluír o texto “MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2022”, distribuído do xeito que escolla o autor ou a autora.
A entrega de orixinais realizarase persoalmente ou por correo no Rexistro Xeral do Concello de Monforte dende a data da convocatoria (publicación na web do Concello das bases) e ata o 3 de maio de 2022. Non se aceptarán aquelas obras que leven cuño de correos con data posterior.
As obras non levarán o nome do autor ou autora de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico.
Establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2021 e dótase cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos.
O cartel que reciba o premio quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos. A propiedade intelectual do traballo gañador corresponderá ó autor ou autora, non obstante a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos.
O gañador ou gañadora do concurso entregará tamén unha copia do cartel en formato dixital e incluirá os diferentes logotipos facilitados polo Concello de Monforte, e se é o caso das entidades patrocinadoras.
O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados, selección realizada polo xurado, quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Unha vez rematada a exposición serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores. Os autores responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.
“Dende o Concello animamos a todos os artistas a participar nesta convocatoria, para que nos axuden a acadar un bo cartel para as nosas Festas Patronais, que anime a todo o mundo a achegarse no mes de agosto a desfrutar delas, recuperando así un evento que é moi importante para a nosa sociedade e para os nosos sectores económicos, e que desgraciadamente levamos dous anos sen poder celebrar por mor da pandemia”, concluíu José Tomé.