A XXXVI Festa da Castaña do Courel chega a Seoane do 7 ao 8 de novembro

RibeiraSacraXa
Degustacións, obradoiros e música encherán o programa deste ano
Festa-da-Castaña-Folgoso-do-Courel
31 Oct 2025

Seoane do Courel prepárase para acoller os días 7 e 8 de novembro a XXXVI Festa da Castaña do Courel, unha cita declarada Ben de Interese Turístico que volverá encher a localidade de tradición, gastronomía e música popular.

O programa comezará o venres cun obradoiro para o alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra, seguido dun showcooking do cociñeiro Martín Mantilla, propietario do restaurante Berso de Sober, que ofrecerá unha demostración culinaria centrada na castaña. A xornada completarase cunha queimada popular e música do grupo Recanto, que porán o toque festivo á noite.

O sábado, as celebracións arrancarán coa música tradicional do grupo Courlouzara e a degustación gratuíta de castañas e viño durante a mañá. O pregón correrá a cargo do propio Martín Mantilla, que dende hai máis de catro anos dirixe o seu proxecto gastronómico Berso, en Sober, e que tamén será o encargado de entregar os premios do VI Concurso de Tapas Castaña do Courel.

A festa continuará pola tarde coa actuación do grupo Mestura do Nete, a charanga MIL9, unha nova degustación de castañas e viño e, xa pola noite, a calduda popular e o concerto da Banda da Balbina, que pechará a xornada nun ambiente festivo.

A Festa da Castaña do Courel está organizada polo Concello de Folgoso do Courel, en colaboración co Xeoparque Montañas do Courel, a Xunta de Galicia, a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Castaña de Galicia e Abanca.

PROGRAMA COMPLETO DA XXXVI FESTA DA CASTAÑA DO COUREL

⚙ Configurar cookies
0.088771104812622