A XXXIV Mostra do Mel de Quiroga foi todo un éxito

Este domingo, 10 de agosto, Quiroga acolleu a tradicional Mostra do Mel, cun gran éxito de participación a pesar das altas temperaturas.
Oito apicultores de diferentes zonas do municipio, como Montefurado, Outeiro e Paradapiñol, participaron na mostra, promovendo a variedade e calidade do mel producido en Quiroga. Este produto, recoñecido pola súa excelencia, destaca polos seus diferentes tipos: mel de castiñeiro das zonas altas, mel de breixo do val, e mel multifloral das áreas intermedias, que combina pólen de diversas flores nunha mestura característica do territorio, onde conflúen vexetación atlántica e mediterránea.
Ademais destas variedades, tamén se puido atopar mel ecolóxico, producido en colmeas libres de cultivos contaminantes, e mel cru, un mel sen filtrar que conserva pequenas cantidades de pólen e própoles. Os apicultores tamén presentaron produtos derivados do mel, como licores, xabóns e velas.
En canto á colleita deste ano, os produtores indicaron que a recollida do mel multifloral mantívose similar á doutros anos, mentres que a do mel de breixo e castiñeiro foi máis escasa debido ás abondosas choivas da primavera e ao posterior aumento das temperaturas.
A xornada estivo animada con música local. O grupo de gaitas O Recanto realizou unha alborada pola mañá, e ao mediodía o grupo NoAllKansas amenizou a sesión vermú con éxitos das décadas dos 70, 80 e 90 cun toque moderno.